
Segundo engadiu na súa intervención, “a revolución industrial que estamos a vivir cambiará as nosas vidas para sempre”, configurando un “futuro apaixonante no que case nada será igual a como o coñecemos e no que as novas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións e máis os enxeñeiros de Telecomunicación xogaremos un papel clave”.
A Noite foi presentada pola actriz Carmen Méndez e contou coa actuación do tamén actor e monologuista Carlos Blanco. Deu comezo coa proxección dun vídeo sobre o devandito Desafío 4.0, e despois da intervención de Ramón Bermúdez de Castro, entregáronse os Premios Galicia das Telecomunicacións e a Sociedade da Información 2016.
Trala entrega dos galardóns, o enxeñeiro do ano, César Mariñas, pronunciou unhas palabras nas que, tras agradecer a distinción, que adicou aos seus compañeiros, “os enxeñeiros libre exercentes”, manifestou dous desexos. Por unha banda “que os seus servizos profesionais poidan ser máis valorados e demandados, e que consigan atopar un oco entre as empresas de enxeñería e consultoría”. Por outra banda, expresou a súa arela de acadar que os contratantes valoren “as vantaxes que os enxeñeiros libre exercentes poidan achegar neste nicho de mercado, que os leve a vencer a resistencia ao cambio xerada, ás veces, pola comodidade do continuismo na contratación dos grandes, os mesmos ou os coñecidos”.
A encargada de despedir a XXI Noite Galega das Telecomunicacións foi Mar Pereira, que pronunciou o discurso de clausura.
Antes da directora de AMTEGA interveu o director dos estaleiros de Navantia, en Ferrol, Julio Martín, quen asegurou que “Navantia ten a firme vontade de avanzar cara ao estaleiro 4.0, tirando proveito do pulo da Unión Europea e das iniciativas que o Goberno e a Xunta puxeron en marcha para o desenvolvemento da industria conectada”. Para Julio Martín “o estaleiro 4.0 supón todo un desafío”, pero tamén unha gran oportunidade de mellora competitiva en tres eixos principais: produtos, procesos e modelo de negocio. Ao seu xuízo, o éxito radicará “na dixitalización e a colaboración vertical e horizontal coa nosa contorna”.
Os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2016
En canto aos galardóns, cómpre dicir que o Premio Enxeñeiro Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC foi para Monet Viticultura, pola introdución das TIC en sectores onde achegan valor a procesos tradicionais, e pola súa aplicación a mercados amplos. Amais disto, o xurado tivo tamén en conta a orientación desta empresa á exportación e a súa actividade en I+D+i e a creación de emprego tecnolóxico.
O Premio Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC recaeu en Beatriz Remeseiro López, por Avances na diagnose do síndrome de ollo seco: desenvolvemento de métodos automáticos para a avaliación de patróns na capa lípida da película lacrimal. O xurado salientou que a tese achega solucións para un problema de saúde pública (síndrome do ollo seco) que afecta a unha grande parte da poboación maior de 65 anos. “Este traballo demostrou a súa aplicación académica e na industria da saúde, e ten un claro potencial de transferencia da tecnoloxía desenvolvida”, engadiu o xurado.
O Premio Ineo ao produto ou servizo TIC máis innovador de 2016 foille concedido a EGATEL S.L. polo proxecto SmartLNB. Valorouse “o carácter innovador do uso eficiente das capacidades de transmisión de datos vía satélite e a amplitude das súas posibles aplicacións, amais da súa contribución á transformación dixital de diversos ámbitos (saúde, fogar dixital e sector industrial)”.
O Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais (en colaboración coa AMTEGA) recaeu en EOSA, pola creación de INclue, sistema tecnolóxico innovador para a valoración técnica da exclusión social en base a criterios homoxéneos. O xurado atendeu a que a ferramenta permite unha estimación precisa do grao de exclusión social dunha persoa.
O Premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións, concedéuselle ao Real Club Celta de Vigo, por “liderar o desenvolvemento de sistemas tecnolóxicos que complementan aos partidos de fútbol e que favorecen a implicación dos seareiros”.
O Premio ao Mellor expediente académico do Máster en Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo foi para Daniel Rodríguez Domínguez.
E o Premio Enxeñeiro do Ano (outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia) recaeu no devandito César Mariñas Dávila, pola “súa traxectoria en postos de responsabilidade en diferentes empresas do sector TIC e no exercicio libre da profesión”. Alén disto, tamén se recoñeceu “a súa profesionalidade e independencia, amais da súa contribución ao desenvolvemento das telecomunicacións en Galicia”.
Arredor de 300 persoas celebraron o noso pulo innovador na Noite Galega das Telecomunicacións
Compartir Este Artigo

