O Observatorio da Sociedade da Información de AMTEGA vén de dar a coñecer unha serie de datos que certifican o crecemento das ferramentas de código aberto entre as nosas entidades locais, unha información que corrobora a utilidade e competitividade das mesmas e que consolida, tamén, un vieiro de adquisición de novas ferramentas menos custoso para as arcas e con meirande marxe de adaptación de cara ás necesidades de cada institución. Segundo se fai saber no informe Software Libre nos Concellos de Galicia, o 82,6% dos consistorios dispón de programas de fonte aberta no seu equipamento informático, ben en ordenadores de usuario ou servidores, rexistrando un incremento de 3,1 puntos porcentuais no último ano.
“Máis polo miúdo”, dise na investigación, “o 77,1% dos concellos galegos contan con software libre nos equipos informáticos de usuario e o 47,3% dos concellos contan con ferramentas libres nos seus servidores”.
No informe, que abrangue e pescuda o último trimestre do ano 2015, tamén se salientan certas peculiaridades sobre o espallamento deste tipo de ferramentas, que non semella uniforme. De feito, apúntase a que teñen meirande presenza nas aplicacións que nos sistemas operativos dos computadores (os concellos con aplicacións open source nos computadores duplican aos que contan con sistemas operativos da mesma índole).
Por outra banda, engádese, “case a metade dos concellos galegos, que contan cun xestor de contidos de portais e páxinas web, optan pola modalidade de software libre, concretamente o 48,1%, superando en 7,4 puntos ao software privativo”.
Ademais, na investigación tamén se indica que máis do 50% dos nosos municipios que teñen web con documentos en descarga optan “exclusivamente” por estándares abertos, máis polo miúdo o 51,7%. Por outra banda, o 40,1% dos concellos emprega as dúas tipoloxías de estándares e un 6,2% emprega de maneira única estándares pechados.
Os porqués dos baleiros
Respecto ás razóns e os porqués de que non haxa aínda máis presenza de programas open source, o informe sinala que o principal motivo é a falta de formación (64,8%), seguido polo descoñecemento ou a falta de información e a falta de persoal ou de cualificación, estas dúas causas acadan o 56,4% e o 56,2%, respectivamente. Porén, tamén se indica que o 80% dos concellos galegos consideran que o software libre aumentará ou manterase nos vindeiros dous anos. “A principal acción que se demanda dende os concellos para a promoción do software libre é a formación aos usuarios nesta materia (83,8% dos concellos), seguido polo asesoramento ao caso concreto do concello cun 75,9%”, engádese na investigación.
Case o 83% dos nosos consistorios contan con programas de software libre
Compartir Este Artigo

