A presentación en Pontevedra do proxecto SmartPEME de orientación TIC a pequenas e medianas empresas (PEME) e persoas emprendedoras da provincia, tiña lugar na mañá de onte na Casa da Luz da man da Deputación e ao acto acudían, entre outros, a presidenta da entidade, Carmela Silva e o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores. SmartPEME organízase co apoio dos concellos (pois en palabras da Deputación “as vilas son as que teñen máis proximidade co sector”) e contando coa súa complicidade e as súas redes de contactos SmartPEME responderá ás necesidades da provincia. E, nos tres primeiros meses de vida, SmartPEME xa atendeu a máis de 200 pequenas e medianas empresas da provincia.
En resumo, segundo se fixo saber, SmartPEME é un novo modelo de servizo encamiñado á mellora competitiva das PEME e persoas autónomas e á procura dunha melloría nas vendas, na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os e as emprendedoras, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. Todo iso empregando as tecnoloxías da información (TIC) e as novas tecnoloxías (redes sociais, comercio electrónico…).
Emporiso, no acto de presentación expuxéronse as metas deste proxecto, presentar o esforzo de colaboración entre o Concello pontevedrés e a rede SmartPEME para dar o mellor servizo ao sector empresarial da urbe, así como salientar a introdución de novas formulacións en materia de estratexia dixital entre o tecido empresarial da vila e reforzar a rede SmartPEME entre o tecido empresarial da cidade. Asemade, aproveitouse para citar cinco casos de éxitos de empresa con alto contido innovador da provincia: Bioprana World, CreAPPCuentos, ImasV, Monet Tecnología e Innovación e Xeométrica.
Co fin de acadar os mellores resultados, nas oficinas de SmartPEME no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo botarán a andar varias actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores e asesoras en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
A Deputación presenta SmartPEME en Pontevedra
Compartir Este Artigo

