O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática Técnica de Galicia (CPETIG) prosegue esta semana co seu importante labor formativo e divulgativo arredor das novas tecnoloxías. Mellor dito: un labor formativo arredor dos recursos máis acaidos para que a nosa rapazada se introduza de cheo na construción do gran edificio dixital. Segundo informa o Colexio, un grupo de 13 escolares de Santiago, con idades comprendidas entre os 7 e os 15 anos, vai participar o sábado, día 15 de outubro (acompañados polos seus pais ou nais) nun obradoiro práctico de aprendizaxe para programar videoxogos con Scratch. A cita vén da man do CPETIG en colaboración coa axencia AMTEGA. Desenvólvese de 09.30 a 14.00 horas na Biblioteca da Cidade da Cultura.
Segundo informa a entidade profesional que preside Marcos Mata, o obxectivo desta iniciativa (posta en marcha polo CPETIG e AMTEGA hai dous anos) é “ampliar de maneira progresiva o número de escolares de Galicia que acceden de forma lúdica e divertida ao coñecemento da programación informática como ferramenta didáctica, tomando conciencia da súa potencia como medio de expresión creativa”.
O Colexio engade que outro dos obxectivos é facer participar de cheo ás nais e aos pais do alumnado participante. Ao fío disto, o CPETIG sinala que “a implicación das familias é determinante como apoio para que a rapazada se sinta atraida pola programación informática, de xeito que esta experiencia didáctica e divertida sexa un labor a continuar na casa”.
Scratch, como lembraremos, é unha ferramenta baseada en pezas a encaixar que serven para construír pequenos programas que permiten iniciar ao alumnado na linguaxe de programación dun xeito simple, intuitivo e eficiente.
A inscrición no obradoiro é de balde no enderezo curso-scratch-santiago.eventbrite.es.
Os escolares de Santiago introdúcense este sábado na programación de xogos da man do CPETIG
Compartir Este Artigo

