Xa vai quedando pouco para a que sen dúbida é unha das grandes citas informáticas da tempada na nosa terra: Uxianet edición 2016. De feito, a xuntanza en cuestión (unha cita para seareiras e seareiros das novas tecnoloxías na que intercambiar recursos, habilidades, información, trucos e mesmo equipos tecnolóxicos) comeza este xoves 12, mantendo as portas abertas ata o domingo 16. Segundo destaca a organización (o Concello e a asociación Birus) este ano o programa de actividades vén cunha importante novidade: a ampliación de tres a catro días de celebración.
O máis salientable do encontro foi dado a coñecer este martes no consistorio por pola primeira tenente alcalde do Concello, Fabiola García, que estivo acompañada por Gustavo Llovo e Fernando Ferro, integrantes da asociación Birus (que se adica este ano a cubrir os aspectos máis técnicos da xuntanza). Segundo fixeron saber, a party celebrarase un ano máis na Casa da Xuventude, dando comezo os xoves a partir das 10.00 da mañá. Tamén lembraron que para esta edición habilitáronse 100 prazas, ás que hai que sumar outras 20 reservadas para a organización.
“Do tirón do evento”, sinalou Fabiola García, “dá conta o feito de que en tan só un minuto dende a apertura das inscricións online cubríronse a metade das prazas convocadas e pouco tempo despois completouse o aforo”.
Haberá participantes de toda Galicia e tamén de Sevilla, Valencia e as Illas Baleares.
A cita estará composta de dúas partes diferenciadas. Así, en primeiro lugar haberá a denominada Intranet, reservada para os inscritos e os seus equipos informáticos, que poderán compartir arquivos ou xogar en rede cunha velocidade de un xigabyte, ademais de ter a oportunidade de participar nunha serie de parties preparadas pola organización (League of Legends, Heartstone, Trackmania e Counter Strike) e outros xogos “improvisados sobre a marcha”.
Segundo recordaron na presentación, tamén ficará habilitada outra contorna chamada Extranet na que se ofrecerá “un abano de conferencias gratuítas e abertas ao público que se desexe achegar”. Estas charlas (dúas por sesión) celebraranse todos os días a partir das sete da tarde.
O xoves falarase de radiofonía en tempos modernos e de programación; o venres de gamificación no ensino e de xogos de rol e autorrol; o sábado de seguridade informática (un tema que será analizado polo propio Gustavo Llovo e polo avogado especializado Francisco Suárez-Porta Colomer). E polo que se refire ao domingo, haberá relatorios sobre drons e sobre un vehículo submarino que está a ser desenvolvido por unha empresa local.
Uxianet quece motores para os seus catro días de celebración en Ribeira
Compartir Este Artigo

