
O proxecto da UVigo, titulado GNSS assisted drone landing system, recibirá agora un ano de incubación nun dos parques empresariais do Consorcio da Zona Franca de Vigo, que inclúe a asistencia no desenvolvemento do produto, acceso a expertos, estudos de mercado e orientación económica. A idea de negocio do equipo formado por Manuel García Sánchez e Daniel Gómez Pérez consiste nun sistema que axudará a aterrar un avión non tripulado “con exactitude e precisión” en condicións extremas. 
A intención dos promotores é desenvolver un produto “totalmente comercial” para que estea no mercado a finais de 2018. O sistema tirará partido dos sinais transmitidos desde os satélites de navegación GNSS para medir a distancia e a velocidade relativa desde o avión non tripulado ao intre de aterraxe. Este levarase a cabo de maneira cen por cen autónoma “sen necesidade de sistemas de axuda adicionais”, salientaron os responsables da tecnoloxía.
O Concurso Europeo de Navegación por Satélite (European Satellite Navigation Competition, ESNC) é un concurso internacional de innovación que premia as mellores ideas para o desenvolvemento de aplicacións de navegación por satélite. Cada ano adícase a procurar os mellores servizos, produtos e innovacións que utilicen a navegación por satélite na vida cotiá. Na cerimonia de onte, celebrada por primeira vez fóra de Alemaña, tamén se entregaron os premios ao resto dos gañadores rexionais, ao gañador absoluto e as distincións aos premios especiais do xurado.
Premiado en Europa un proxecto da UVigo que facilita a aterraxe de drons en situacións de risco
Compartir Este Artigo

