O Grupo Euskaltel, integrado por Euskaltel e a operadora de raizame galega R, presentou este xoves os resultados correspondentes ao terceiro trimestre de 2016. Estes datos sobre os nove primeiros meses de actividade logo da integración de R, amosan un medre en ingresos, clientes e rendibilidade, “cun beneficio neto de 44,9 millóns de euros, 48,3 millóns de euros máis que no mesmo período do exercicio anterior”.
No terceiro trimestre do ano, Euskaltel acadou os 430,4 millóns de euros en ingresos, fronte aos 244,4 millóns de euros logrados no terceiro trimestre do ano anterior, o que supón un crecemento do 76,1%. Estes datos, de incluír na comparativa os ingresos de R no dito período, confirman que o crecemento do grupo situouse no 2,2%.
Para Euskaltel, non hai dúbida sobre a importancia de 2015 para a súa actividade, ao que cualifica de “ano histórico”. Así, aos números positivos cómpre engadir a súa saída a Bolsa e a integración do operador galego R. O resultado, salienta Euskaltel, é “o operador de referencia no norte do Estado”.
Estes e outros datos foron achegados este mércores 26 na xuntanza do Consello de Administración da Compañía celebrada (por vez primeira) na Coruña. No acto, a compañía vasca anunciou a distribución de dividendos entre os seus accionistas, “a primeira repartición de dividendo como sociedade cotizada tras a súa entrada no mercado de capitais o 1 de xullo de 2015”. Así, o Consello reunido onte aprobou por unanimidade distribuír un dividendo a conta dos resultados de 2016, de 0,15 euros brutos por acción, que equivalería a un desembolso de 22,77 millóns de euros.
Segundo sinalaron onte fontes do grupo, “coa celebración da súa xuntanza ordinaria en Galicia, o Consello referenda o compromiso dos órganos reitores do Grupo Euskaltel e máis R con Galicia e coa xeración de emprego, riqueza e desenvolvemento económico e tecnolóxico para esta terra”.
Na reunión tamén se fixo fincapé no potencial da fronte común formada por R e Euskatel, “que conforman o grupo de telecomunicacións líder do norte de España, mantendo cadansúas identidades, marcas e equipos de traballo nos seus respectivos territorios, co obxectivo común de consolidar un grupo forte e líder en cadanseu mercado potenciando, ao tempo, o arraigamento e o compromiso de R en Galicia e de Euskaltel en Euskadi”.
Euskaltel e R obteñen un beneficio neto de 44,9 millóns nos nove primeiros meses de 2016
Compartir Este Artigo

