Semella que xa podemos dicir sen temor a trabucarnos que os trens AVE contan xa con servizo operativo de acceso á rede sen fíos, ou sexa servizo de cobertura Wi-Fi, un “engadido” que, cos tempos que corren (agora que practicamente a totalidade dos viaxeiros empregan os seus dispositivos para comunicarse, traballar ou informarse), xa tardaba un pouco de máis. A cobertura, que chega un ano despois da súa presentación, achégase durante un mes en fase de probas: dende onte ata o 3 de decembro.
A tecnoloxía arranca en cinco trens e faino con contidos subministrados directamente por Movistar+. Estes contidos, por certo, non se descontarán dos Mb que se nos ofrezan.
Haberá dúas opcións de “Renfe-WiFi”. Por unha banda a gratuíta (20 Mb de conexión total) e outra de pago (100 Mb). Nas dúas teremos un catálogo previo pago de Movistar+. Para poder gozar desta programación (filmes, partidos, series, documentais) teremos que descargar a aplicación PlayRenfe, arestora só dispoñible para dispositivos Android. Na modalidade de balde poderemos conectar un só dispositivo, mentres que na opción Premium estaremos en disposición de ligar ata tres dispositivos.
Os trens AVE comezan a achegar servizo Wi-Fi con contidos de Movistar+
Compartir Este Artigo

