Este martes 8 desenvólvese na Universidade da Coruña unha xornada directamente encamiñada a impulsar o amplo potencial da comunidade de estudantes nos novos ámbitos profesionais. A xornada Talent at Work celébrase no Centro Universitario de Riazor e vén da man de Universia e a Universidade da Coruña. Diríxese, nas súas palabras, “a promover o talento e o desenvolvemento das capacidades profesionais dos estudantes”. O encontro será inaugurado pola vicerreitora Margarita Amor. Contará coa participación da operadora de raizame galega R Cables e Telecomunicacións.
A compañía de cable, xunto con Inditex e Abanca, amosará perante o centenar de alumnos inscritos as claves da súa demanda profesional.
As conferencias comezarán despois do acto de apertura coa intervención de Loles Sala, directora de Human Age Institute e directora de Talento e Cultura de Manpower Group, que explicará de forma xeral as características do mercado laboral actual. A continuación, ás 11:30 horas, celebrarase a intervención das devanditas compañías galegas. Será, máis en detalle, un debate sobre as necesidades das empresas. Participarán Ignacio Revuelta Olmeda, director de Desenvolvemento e Compensación de Abanca, Manuel Estévez, responsable corporativo RH Loxística de Inditex, e Santiago Vázquez, director de Persoas de R Cables e Telecomunicacións. A xornada rematará con obradoiros prácticos e asesoría personalizada de orientación profesional.
R amosa as claves da nova demanda profesional perante os estudantes da UDC
Compartir Este Artigo

