Exaccta Home, a aplicación para levar a contabilidade particular dende o móbil mediante fotos, vén de asinar un acordo con Movistar polo cal os clientes da operadora poderán dispor desta app a un prezo reducido, sendo compatible con dispositivos iOS, Android e Blackberry. Que achega esta ferramenta? Os usuarios deberán sacar fotos dos seus tickets e facturas co móbil, tocarán a imaxe co dedo e, a partir desas imaxes, extraerán de xeito automático e en tempo real os datos para visualizar e facer un seguimento do orzamento do fogar da maneira máis sinxela e accesible.
A app emprega o sistema de recoñecemento óptico (OCR) para obter os datos da factura ou ticket que o cliente extrae para incluír en seguimento orzamentario persoal. O usuario define dende o seu dispositivo a natureza dos gastos e os orzamentos e ten acceso a todas as imaxes na súa zona privada da web de Exaccta.
Con Exaccta Home, engaden fontes de Movistar, “os particulares manteñen a xestión da súa economía doméstica sen importar onde se atopen e sen preocuparse de gardar papeis nin amorear tickets porque cun toque na pantalla do seu móbil poderán incluír os seus gastos no intre no que se producen, amais poden comprobar en todo momento a marcha da súa economía persoal, aforrando tempo e diñeiro”. Así, explica a compañía, “aínda que o usuario se atope nalgún lugar sen cobertura 3G ou sen Wi-Fi, a app segue a funcionar e unha vez recuperada a conexión sincronízase de xeito automático”.
Exaccta Home, que está xa dispoñible para os clientes de Movistar, ten un prezo de 9,99 euros ao ano, un 72% menos que a tarifa habitual do servizo (35,91 euros/ano).
Cómpre salientar que Exaccta Home está certificada e homologada pola Axencia Tributaria (AEAT), polo que as imaxes están asinadas dixitalmente e teñen a mesma validez que o documento orixinal en papel.
Movistar achega unha app para levarmos a contabilidade persoal dende o móbil
Compartir Este Artigo

