O vindeiro venres estrearase en Netflix Gilmore Girls: Un nuevo año, e Microsoft aproveita a ocasión para anunciar que, de querermos gozar deste e moitos outros contidos da plataforma de vídeo baixo demanda de referencia a nivel mundial en ultra alta definición nun ordenador persoal ou equipo 2-en-1 a única opción actual é empregar un ordenador con Windows 10 e o navegador Microsoft Edge, que polo momento é o único compatible co vídeo 4K de Netflix.
En calquera caso, actualizar o sistema operativo e o navegador web, así como ter contratado un plan de Netflix que inclúa 4K, non son as únicas condicións a cumprir para poder gozar de tal calidade de imaxe nun ordenador, senón que tamén habería que contar cun monitor 4K ou superior, un equipo cun procesador Intel Core de sétima xeración (os coñecidos como Kaby Lake, que incorpora soporte para o codec HEVC de 10 bits) e unha boa conexión de banda larga (é precisa unha conexión estable a 25 Mbps).
Falamos dunhas especificacións bastante pouco habituais actualmente, de xeito que para gozar de Netflix en 4K é moito máis doado contar con televisores conectados compatibles, unha consola Xbox One S ou dispositivos como un Chromecast Ultra ou unha nVIDIA Shield.
Movistar é o peor provedor para gozar de Netflix
No que respecta á velocidade da conexión, hai poucos días Netflix publicou unha actualización do seu índice de velocidades por provedor de Internet, con datos do mes de outubro, e volve confirmar o que os usuarios veñen denunciando dende a estrea de Netflix en España: practicamente todos os operadores conseguen unhas velocidades de conexión a Netflix de calidade (con velocidades medias de entre 3,53 e 3,73 Mbps) mentres que Telefónica-Movistar, que négase a pechar un acordo de peering con Netflix, a velocidade media cae aos 2 Mbps (incluso peor dos 2,47 Mbps do anterior índice).
