A compañía galega Scio IT vén de recibir un importante recoñecemento ao seu labor, materializado este en desenvolvementos tan salientables (reflectidos dende a nosa web) como a plataforma SAMLA (plataforma para o mantemento e solución de incidencias en infraestruturas remotas ou inaccesibles) ou GEMA FM (tecnoloxía encamiñada a simplificar a xestión e o mantemento de inmóbeis, permitindo aforros importantes de tempo e diñeiro e apostando por facelo de maneira “sinxela e intuitiva”). O recoñecemento en cuestión veu da man da Asociación de Técnicos Superiores de Prevención de Riscos Laborais (PREVENGA), con sede en Granada. A entidade outorgou a Scio IT o Premio Internacional PREVENGA 2016 na modalidade de Innovación.
O xurado salientou “os esforzos adicados pola tecnolóxica galega á contorna marítima e á seguridade”, con enxeñarías como por exemplo o proxecto S2S Safe to Sea, sistema intelixente que permite localizar a mariñeiros ante situacións de home á auga.
Tamén se destacou o labor da compañía galega en plataformas marítimas off-shore para sistemas TIC, dispositivos de rastrexabilidade de produtos pesqueiros (Calipesca), e Emerbuque, estrutura de evacuación de buques de pasaxeiros en caso de emerxencia baseado na experiencia da Costa Concordia.
Segundo informa a empresa galega, os Premios PREVENGA, que este ano chegan á súa 15 edición, repártense en catro categorías: Individual, Empresa, Innovación e Institucional. Pablo Bermúdez Pestonit, director xeral de Scio IT, foi o encargado de recoller galardón no transcurso dunha gala celebrada a noite de onte en Granada. “Con este premio”, expresou a firma galega, “recompénsase tanto o esforzo realizado no eido da innovación como a traxectoria exemplar da nosa enxeñaría para aumentar a competitividade e achegar unha maior calidade de vida aos cidadáns”.
A galega Scio IT, recoñecida a nivel estatal polos seus avances en seguridade marítima
Compartir Este Artigo

