Estes días as Lanzadeiras de Emprego galego son unha importante fonte de actividade: para establecer pontes co tecido recrutador e, tamén, para amosar as principais demandas e problemáticas da nosa poboación en desemprego. Se onte falamos do foro celebrado en Santiago polas Lanzadeiras de Compostela, Redondela e Marín, os días pasados celebrouse outro importante encontro na última destas palestras de empregabilidade. Tratouse dun evento profesional destinado a analizar con empresarios e responsables de recursos humanos “as posibilidades que brinda o mercado actual para atopar traballo e/ou emprender”. A cita contou coa presenza da alcaldesa de Marín, María Ramallo, e de representantes das asociacións locais de comerciantes e da Autoridade Portuaria.
A xuntanza celebrouse na Aula CeMIT de Marín. Participaron, máis en detalle, a Autoridade Portuaria, a Asociación de Empresarios de Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra AEMPE; a Asociación do Centro Comercial Estrella de Marín e o Centro de Coworking Peregrina 25, así como empresas de diversos sectores: Nodosa, Gonvarri, Pinturas Alborada, Peycar, Servizos Eólicos Galventus e Mercadona.
Logo da presentación e a proxección dun vídeo coas actividades que o equipo da Lanzadeira de Emprego de Marín desenvolveu durante estes meses, o encontro proseguiu con tres relatorios: A formación como instrumento de integración laboral, para a conservación de oficios tradicionais e a innovación en novos xacementos de emprego?, a cargo de Enrique Otero, docente do Centro de Formación A Aixola, do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR); Mercado Laboral: perspectiva actual, competencias máis valoradas e tendencias, por Olalla Mera, responsable comercial de ADECCO Vigo Industrial; e A aventura de emprender: unha alternativa real na procura de emprego; experiencia dunha franquía de Ángel Iglesias, xerente en Vigo de Foot On Mars.
Máis tarde foi a quenda da sesión de coloquio e networking, na que os participantes fixeron contacto cos relatores e cos responsables das empresas, intercambiando experiencias e coñecendo de primeira man cadansúas necesidades.
A Lanzadeira de Emprego de Marín comezou a funcionar a finais de xuño para axudar a unha vintena de persoas desempregadas a adestrar unha innovadora procura de traballo. Trátase dunha iniciativa da Fundación Santa María A Real, a Fundación Telefónica, o Concello de Marín e a Xunta, co co-financiamento do Fondo Social Europeo.
A Lanzadeira de Marín debullou o mercado laboral actual perante empresarios locais
Compartir Este Artigo

