Catro empresas galegas referenciais nos eidos TIC e enerxético, amais do Centro Tecnolóxico Gradiant e a USC (entidades colaboradoras), están a impulsar unha iniciativa smart para facilitar o seguimento, o control e a diminución de ar contaminado nas nosas cidades e vilas. Trátase do Proxecto CATCH, polas súas siglas Clean Air Technology CHange, financiado polo programa Conecta PEME da Xunta de Galicia a través de GAIN (Axencia Galega de Innovación) e dotado con 4 Millóns de Euros. Na iniciativa participan Serviguide, 4Gotas, Itelsis, Bahía Software e Plexus. Colabora, amais de Gradiant, a Universidade de Santiago (Grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos). Segundo nos recordan, CATCH céntrase na xestión eficiente de cidades intelixentes, as súas infraestruturas e a protección ao cidadán. E todo mediante o desenvolvemento dunha ferramenta integral de predición, seguimento, control e redución de emisións gasosas, incluíndo gases de efecto invernadoiro (GEI) e partículas contaminantes. Amais disto e de maneira complementaria, outro dos seus obxectivos é reducir o consumo enerxético.
Nun plano máis detallado, o proxecto inclúe a creación dun subsistema para permitir que os xestores de grandes infraestruturas (concellos, grandes empresas, etc) dispoñan de información en tempo real sobre as emisións e consumos asociados aos seus diferentes equipos de demanda enerxética, cuantificando o impacto da súa actividade sobre os parámetros de calidade do aire e sobre a saúde humana e danos ao ecosistema. Con este coñecemento permanente actualizado terán o mellor punto de partida posible para impulsar e aplicar medidas de mellora.
CATCH, a maiores, tamén incorpora outro subsistema para fornecer datos continuos sobre a calidade do ar na contorna das ditas infraestruturas. Esta información provirá de estacións de vixilancia espalladas polo territorio, incluíndo a incorporación de datos abertos (OpenData) para fontes públicas de información e redes propias de medida.
Asemade, o proxecto aplicará tecnoloxía smart para o control de emisións e consumos enerxéticos, integrando algoritmos de vixilancia e regras de toma de decisión que permitan conciliar o aforro enerxético e a protección do medio ambiente e as persoas. Incluirase a capacidade para tele-xestionar e actuar en liña sobre fontes de emisión propias (apagado, cambio de parámetros de funcionamento) a través do seguimento das condicións e ocupación das instalacións e edificios. O sistema, polo tanto, será quen de simular e propor automaticamente novos escenarios (mitigar emisións ou cambios no propio deseño e uso urbano) e analizar ambiental e economicamente a súa posta en práctica. Deste xeito, incorporará a capacidade para elaborar predicións de calidade do ar, lanzar alertas e establecer recomendacións á poboación.
Por outra banda, CATCH abranguerá un servizo ao usuario xestor: unha vertente de interacción co usuario que complete a funcionalidade da ferramenta. Tamén incluirá recursos para pór en valor a información xerada, trasladando á cidadanía ou aos técnicos-traballadores dunha administración ou empresa a evolución dos indicadores do sistema, alertas ou recomendacións a través de aplicacións (web e móbiles). En definitiva, permitirase que o cidadán contribúa a mellorar o funcionamento da ferramenta e o seu aproveitamento.
En marcha unha iniciativa smart para o seguimento e redución de ar contaminado nas cidades: o Proxecto CATCH
Compartir Este Artigo

