Fai falta un uso máis axeitado e dinámico das redes sociais por parte das empresas de alimentación. Esta é unha das grandes conclusións TIC do segundo Estudo Confianza Establecementos Alimentacións, presentado esta mañá pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), froito do labor exhaustivo da organización a longo de catro meses. O informe, no que participaron preto de dous milleiros de persoas (achegando os seus criterios a seguir á hora de facer a compra e elixir unha tenda en concreto), sinala que as publicacións en Facebook dos grupos de distribución “pecan dun exceso de corporativismo”.
A compra en liña e o emprego de redes sociais como fórmulas de comunicación foron incluídos como elementos de valoración xa que UCGAL considera que “irán cobrando un maior protagonismo tanto á hora de facer a compra coma á hora de servir como canle de comunicación entre os grupos de distribución e as persoas consumidoras e como vía para o tratamento de queixas e consultas”. Porén, explica a organización, “polo de agora estas novas canles e plataformas non inciden na decisión de compra ou na elección de establecementos dos consumidores galegos”. De feito, a súa nota é a máis baixa dos quince aspectos a valorar polas persoas que participaron na enquisa.
No estudo lémbrase que os nove grupos de distribución analizados contan con plataformas de venda en liña pero a súa marxe de uso “difire de forma significativa”. No que respecta ó uso de aplicacións para dispositivos móbiles, só tres dos grupos (Mercadona, Gadis e Froiz) non contan a día de hoxe con ela, un dato que contrasta cos que esta organización manexaba en 2014 a raíz da primeira edición do estudo, “cando só un deles contaba con esta ferramenta”.
No que atinxe ás redes sociais, a investigación certifica que “os grandes grupos de distribución son plenamente conscientes do enorme poder das mesmas como canle de comunicación”. O estudo sinala que son “especialmente activas” as canles de Twitter “xa que gran parte dos comentarios e queixas das persoas usuarias canalízanse a través desta rede” .
UCGAL tamén comprobou que tras un ano da presentación do Informe 2015 sobre Atención ao Consumidor nos grupos de distribución, só Froiz segue sen ter un perfil nesta rede social. A entidade comprobou igualmente que o uso de Facebook segue a medrar pero considera que “en moitas ocasións as publicación nesta rede social pecan dun excesivo corporativismo”.
A UCGAL informa que as redes aínda non son decisivas na compra de alimentación
Compartir Este Artigo

