Esta mañá no Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) celebrouse un acto presidido pola conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, contando tamén coa presenza do presidente da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, Jesús González, da directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, na que presentaron a Escola de Cociña de Ternera Gallega, unha canle de YouTube na que podemos ver vídeos con consellos e receitas, e das novas aplicacións móbiles orientadas a público xeral, explotacións e comerciais, dispoñibles para iOS e Android.
A aplicación Ternera Gallega, que xa podemos atopar en Google Play, está deseñada para que o consumidor poida coñecer en profundidade a Indicación Xeográfica Protexida, localizar os puntos de vendas máis próximos á súa localización e acceder a receitas e consellos de para elixir as distintas pezas de tenreira e a súa preparación.
Ternera Gallega Explotaciones é unha aplicación de grande utilidade para as ganderías inscritas na Indicación Xeográfica Protexida, para que poidan realizar as xestións da área privada de Ternera Gallega directamente dende o móbil, ou sexa, para solicitar novos avisos de marcaxe, listar avisos de marcaxe e listar os tenreiros aptos.
Outra aplicación tamén dispoñible é a de Ternera Gallega Comerciales, na que os profesionais do sector cárnico, hostaleiro e de centrais de compra teña facilidades para establecer contactos coas comerciais inscritas e certificadas en Ternera Gallega. Tamén inclúe consellos sobre o despece profesional, acceso a receitas e outras informacións relativas á I.X.P.
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, salientou que a aposta de Ternera Gallega polas TIC para «achegarse aínda máis ao consumidor final, á distribución e aos produtores» desta carne de calidade diferenciada, á vez que o presidente da I.X.P., Jesús González, destacou que con esta iniciativa Ternera Gallega mantense na «vangarda dos selos de calidade».
Vídeo de presentación da Escola de Cociña de Ternera Gallega
