YouTube está a vivir unha xornada de auténtica revolución, xa que vén de estrear en España YouTube Gaming, a plataforma orientada aos videoxogos dentro de YouTube, que congrega contidos en vídeo de máis de 25.000 videoxogos; permite que o usuario poida personalizar a súa experiencia non só subscribíndose a canles, senón tamén indicando os seus xogos favoritos para recibir unha alerta cando haxa algunha novidade; establecer unhas preferencias para recibir recomendacións; gozar de vídeo en directo con funcionalidades como o streaming UHD, o DVR, o vídeo en 360 graos, a multi-cámara e diversas opcións de moderación de chats; poder realizar streaming de partidas dende móbiles Android con só premer un botón; e incluso patrocionar aos gamers favoritos a través dun botón na súa canle ou páxina de visionado (o que abre a posibilidade de acceder a contidos exclusivos).
Pero para os que non sexan afeccionados aos videoxogos chega unha nova funcionalidade moi prometedora: a partires de agora será posible gozar de vídeos en directo en 4K, tanto para vídeos estándar como de 360 graos, o que facilitará que os espectadores poidan gozar de retransmisións en directo cunha grande resolución dende dispositivos que soporten o vídeo UHD. Como mostra disto mañá poderá verse o espectáculo dos Games Awards en 4K.
Esta nova resolución permitirá que os usuarios de televisores 4K poidan aproveitalos un pouco máis, pero tamén resulta moi atractivo para o vídeo envolvente, xa que ao incrementar a súa resolución facilítase que as imaxes reproducidas en cascos de realidade virtual estean máis detalladas, conseguindo un maior nivel de realismo e facendo a experiencia envolvente máis agradable.
YouTube Gaming chega a España acompañado polo vídeo 4K en directo
Compartir Este Artigo
