A ría de Vigo acolleu esta semana a presentación do que sería, en palabras dos seus creadores, o primeiro barco autónomo robotizado creado no ámbito estatal e o máis grande de Europa dentro das súas características. A botadura do buque Victoria (que ten doce metros de escolar e pesa catro toneladas) celebrouse este xoves en Bouzas e nela participaron os responsables do proxecto Ulises, do que xorde precisamente Victoria a xeito de prototipo: Industrias Ferri, o Grupo de Deseño e Automatización de Sistemas Avanzados (DASA) da Universidade de Vigo e o Centro Internacional de Métodos Numéricos en Enxeñaría (CIMNE). O obxectivo desta iniciativa é deseñar a probar a tecnoloxía precisa para “converter calquera embarcación nun vehículo marítimo autónomo e robotizado, que poida navegar sen tripulación e ser controlado na súa integridade a distancia”. Victoria servirá polo tanto para probar as ditas innovacións e corrixir e mellorar os sistemas.
Neste proxecto Industrias Ferri encárgase da integración completa do barco, CIMNE da estación de terra e a Universidade de Vigo, a través do grupo DASA dirixido polo profesor Fernando Vázquez, da robótica, control e intelixencia artificial. Asemade, participa a firma galega de novas tecnoloxías Imatia, subcontratada por Ferri para desenvolver o software de rexistro de datos da embarcación.
Un dos obxectivos dos investigadores é que “a tecnoloxía que se testa neste barco piloto se poida integrar en calquera embarcación, sexa un petroleiro ou unha lancha de salvamento”, sen necesidade de construír unha nova e específica. Segundo sinalou Ferri, a idea non é tanto funcionar como unha empresa estaleiro, desenvolvedora de buques, senón coa finalidade de fornecer aos clientes da posibilidade de robotizaren un barco. O proxecto, engadiron os responsables de Ferri, está enfocado a tarefas de vixilancia, por exemplo, en campos petrolíferos, campos eólicos offshore ou para prevención de furtivismo, inmigración ilegal, etc.

Investigadores galegos botan o que sería o primeiro buque autónomo desenvolvido en territorio estatal
Compartir Este Artigo

