Son as redes sociais ben consideradas no sistema universitario galego? E os buscadores bibliográficos? Estas preguntas son o eixo sobre o que xira un estudo que vén de ser feito entre o Persoal Docente e Investigador (PDI) das tres universidades galegas e que conclúe, en termos xerais, que a metade do PDI das universidades galegas di que Facebook e Twitter non lle son útiles. Máis polo miúdo, docentes e investigadores da USC, UVigo e UDC expresan opinións divididas e enfrontadas, a partes iguais, sobre a idoneidade de usar estas redes sociais para o seu traballo. Pola contra, existe un amplo consenso en valorar e usar os buscadores bibliográficos en liña.
Detrás deste traballo atopamos a José Rúas-Araújo (profesor titular da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Universidade de Vigo); Francisco Campos-Freire (profesor titular da de Ciencias da Comunicación, Universidade de Santiago de Compostela-USC) e Iván Puentes-Rivera (investigador predoutoral da Universidade de Vigo).
Os autores analizan o coñecemento, uso, valoración e impacto de Facebook e Twitter e dos buscadores bibliográficos entre o PDI das tres universidades galegas. Para isto, realizaron unha enquisa entre funcionarios (catedráticos e profesores titulares), persoal fixo e contratado laboral, de 46-58 anos (maiormente homes, 55,3%) da que se conclúe que Scopus e Google Scholar son os buscadores máis coñecidos, con porcentaxes superiores ao 80% e un uso superior ao 60%, mentres que EBSCO e EMBASE son os menos populares.
A Universidade de Vigo é a que amosa maior porcentaxe a prol das redes, mentres que a da Coruña é na que hai máis rexeitamento ao seu uso.
Das tres universidades galegas, é a UVigo a que posúe unha maior porcentaxe de docentes e investigadores que consideran positivo o uso de Facebook e Twitter para a docencia e a investigación (55,6%), fronte ao 44,4% dos membros desta institución que non consideran o uso destas ferramentas.
A Universidade da Coruña (UDC) é a que ten unha maior porcentaxe e diferenza, entre o PDI en contra da utilización destas redes sociais (61,3%) e a prol (38,7%).
A USC é a institución na que as opinións están máis igualadas e enfrontadas, entre partidarios (53,2%) e detractores (46,8%) do uso destas redes sociais para a docencia e a investigación.
Por categorías profesionais, “son os colectivos máis asentados laboralmente os que se amosan máis en contra do emprego de Facebook e Twitter para a docencia e a investigación, fóra dos catedráticos de universidade, onde a proporción de partidarios e detractores é case idéntica”.
“Pola contra, o maior número de partidarios do emprego destas ferramentas para usos docentes e investigadores atópase nos investigadores predoutorais (72,5% a prol, 27,5% en contra), profesores asociados (65,8% a prol, 34,2% en contra), axudantes doutores (57,9% a prol, 42,1% en contra) e investigadores postdoutorais (56,3% a prol, 43,8% en contra)”, engaden.
En canto aos buscadores, neste ensaio tamén se indagou sobre o coñecemento e uso destas ferramentas ou aplicacións de xestión de referencias bibliográficas por parte dos docentes e investigadores. “Os resultados conclúen un alto grao de coñecemento e manexo dos buscadores”.
Así, os datos din que máis dun 90% dos enquisados son usuarios destas ferramentas, dos cales un 48,4% manifestan un dominio básico e un 43,2% decláranse expertos. A porcentaxe dos que declaran descoñecelos ou non empregalos é do 6%.
Os resultados obtidos no caso galego, segundo os investigadores, “contrasta, en certo senso, cos obtidos nunha enquisa realizada pola revista Nature a investigadores de distintos países sobre a utilización que facían das redes sociais e académicas”.
Os resultados foron os seguintes, en orde decrecente: 1. Google Scholar; 2. ResearchGate; 3. Linkedin; 4. Facebook; 5. Google+; 6. Twitter; 7. ResearcherID; 8. Mendeley e 9. Orcid.
Unha investigación feita nas universidades divide ao persoal docente sobre a utilidade das redes sociais
Compartir Este Artigo

