O Concello de Brión, a través da área de formación do seu Espazo Tecnolóxico, vén de rematar a súa acción formativa dirixida á adquisición de competencias no manexo de drons. O curso, de 30 horas lectivas, desenvolveuse as pasadas semanas da man dos expertos da firma galega Meudron, que achegaron na Aula CeMIT local contidos sobre a lexislación relativa ao uso destes aparellos, as súas posibilidades de negocio, o seu manexo operativo, as prácticas de montaxe e os compoñentes. A actividade completouse cunha vertente práctica con manexo real de aparellos aéreos non tripulados. O Concello anunciou que está a preparar xa a segunda edición da actividade, para este ano 2017, tendo en conta o éxito de participación acadado coa primeira entrega.
Ao curso asistiron vinte alumnos e alumnas. No colofón da actividade, as probas reais de voo e manexo de drons, puideron experimentar a sensación de controlar e dirixir un destes aparellos nas instalacións do pavillón polideportivo municipal. Segundo informan os organizadores da actividade, os participantes mesmo se animaron a pilotar no exterior do devandito inmóbel. As prácticas de pilotaxe foron dirixidas por Miguel Anxo Gómez e todo indica que terán continuidade (como formación extra abeirada á presente convocatoria) no aeródromo de Cacheiras, no concello veciño de Teo. A idea é levar a cabo neste emprazamento unha actividade ceibe de restricións.
Segundo Antonio Casal, encargado da Aula CeMit de Brión, algúns dos alumnos “aproveitaron o curso de tal modo que van presentarse ao exame para obter a licenza oficial de piloto que expide a ATO, certificada pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA)”. Ademais, Antonio Casal tamén adianta que “dado o éxito e como quedou xente en listaxe de agarda xa se está pensando en organizar unha segunda edición do curso para o vindeiro ano”.
Segundo lembra o Concello de Brión, os drons son aeronaves non tripuladas manexadas por radio control, de diferentes tamaños, que teñen diversas aplicacións en ámbitos como a agricultura, a cartografía e topografía, o medio ambiente, o mantemento de instalacións, a fotografía, o cine, a televisión, etc. “A gran vantaxe destes dispositivos é a seguridade que ofrecen para acceder a zonas de complicado acceso, con axilidade e sen poñer en perigo ningunha tripulación”, explicaron os organizadores do curso con motivo da súa presentación.
O curso de drons de Brión rematou cunha práctica de voo para os seus 20 participantes
Compartir Este Artigo

