Xa está aberta a segunda convocatoria do Programa Reacciona TIC, impulsado polo IGAPE e a AMTEGA, para facilitar ás PEME o acceso a un catálogo de máis de 400 servizos orientados á súa modernización e innovación. As empresas interesadas poderán acceder, a prezos reducidos, ao asesoramento de axentes colaboradores especializados en procesos de dixitalización e solucións 4.0. As solicitudes poden presentarase de forma telemática na web do IGAPE. A primeira convocatoria recibiu un cento de solicitudes de empresas interesadas en acceder a estes servizos, e están previstas outras dúas convocatorias en xaneiro e marzo de 2017.
A posta en marcha deste programa enmárcase nun convenio de colaboración asinado entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), co que a Xunta suma esforzos e recursos para impulsar a modernización e a innovación tecnolóxica do tecido empresarial de Galicia a través da convocatoria de axudas publicada hoxe, para desenvolver actuacións de impulso á empresa dixital e a industria 4.0.
Este acordo reforza a aposta da Xunta de Galicia pola incorporación efectiva e continua das solucións 4.0 e das TIC en xeral nos sectores produtivos da Comunidade, a través do programa Reacciona TIC, que conta cun orzamento conxunto de máis de 2,3 millóns de euros ata o ano 2017, dos cales 1,26 millóns serán achegados pola AMTEGA e 1,11 millóns polo IGAPE. As achegas das dúas entidades colaboradoras fan posible a oferta dun catálogo unificado de servizos ás PEME para a diagnose, asistencia e soporte na implantación de solucións e servizos de mellora competitiva nos ámbitos de empresa dixital e industria 4.0.
Este catálogo de servizos está cofinanciado pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, orientado a promover o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación e conseguir un tecido empresarial máis competitivo.
Nova convocatoria de axudas para que as PEME galegas accedan a servizos de dixitalización empresarial e da Industria 4.0
Compartir Este Artigo

