O venres 9 de decembro a Deputación de Pontevedra organizaba unha xornada para avanzar detalles dunha ferramenta informática de seu para a xestión integrada do saneamento municipal, trátase de SANePLAN. A este encontro asistía o presidente en funcións da Deputación, David Regades, e o persoal técnico dos concellos e das empresas do sector da auga e do medio ambiente. Será o 20 de decembro a data de presentación desta nova ferramenta, desenvolvida no marco do proxecto SANePLAN, no que participa a institución provincial xunto ao Instituto Tecnolóxico de Galicia e a empresa italiana Physis SRL. Así, o día da presentación farase unha demostración práctica do funcionamento de SANePLAN, unha aplicación que responde a aspectos clave que fan máis doada a toma de decisións políticas e técnicas sobre esta cuestión.
Grazas a esta aplicación, prestarase cobertura ás necesidades de xestión destas redes e estacións e impulsarase a planificación segundo as necesidades actuais e previsións futuras. Mediante SANePLAN será posible xeorreferenciar infraestruturas, analizar o consumo enerxético, os custos e impacto ambiental, estudar as emisións de CO2, rexistrar e xestionar incidencias, analizar puntos críticos da rede e simular escenarios futuros tendo en conta situacións como “novos desenvolvementos urbanísticos ou, nas vilas con carácter turístico, a sobrepoboación estacional”.
Segundo David Regades, “SANePLAN é unha solución sinxela que permitirá ao persoal técnico dos concellos saber cal é a infraestrutura de saneamento necesaria para unha poboación ou mancomunidade e se é abonda; os núcleos aos que dá e pode dar servizo; se o cambio climático pode afectar á infraestrutura de saneamento existente; actualizar o inventario das infraestruturas de saneamento; controlar as actuacións que se estean a executar; ter un control do proceso de depuración; realizar simulacións ou avaliar as augas residuais xeradas”.
En resumo, estamos perante unha ferramenta de coñecemento para mellorar o servizo da auga: o seu estudo, análise e información.
Cómpre informar que a dita ferramenta será inaugurada nos catro concellos da provincia que participan no proxecto: Cambados, Ribadumia, Baiona e Vilanova de Arousa, nos que xa se analizaron máis de 425 quilómetros de rede de saneamento. Engadir que esta solución será introducida paseniño en todos os concellos da provincia.
SANePLAN é un proxecto aprobado pola Unión Europea, dotado cun orzamento de 1,5 millóns de euros para a planificación integrada e xestión sostible do saneamento a través de tecnoloxía de precisión innovadora. En concreto, a través desta actuación estase a impulsar a integración da xestión do saneamento e os seus elementos coa planificación urbana, co obxectivo de mellorar o funcionamento das redes de saneamento e depuración.
A Deputación de Pontevedra estreará unha ferramenta informática de xestión integrada para o saneamento municipal
Compartir Este Artigo

