O programa SmartPEME da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa para levar a formación TIC personalizada aos autónomos e emprendedores da provincia, segue adiante co seu itinerario de presentacións para, precisamente, non deixar recanto da provincia sen a máxima actividade. O último concello en acoller a presentación de SmartPEME foi Ponteareas, onde a entidade provincial lembrou as posibilidades de asesoramento tecnolóxico que pon en xogo o programa, coa súa máis completa listaxe de actividades formativas mensuais, coa súa rede de oficinas físicas (Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo) e coa súa vontade renovada de colaborar localmente, tanto cos concellos como coas asociacións e emprendedoras/es.
Na presentación participou o deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, quen fixo fincapé nunha das principais características de SmartPEME: a súa vontade de implantar novas formulacións en materia de estratexia dixital. A xornada tivo lugar na casa do concello de Ponteareas e contou coa asistencia do seu alcalde, Xosé Represas.
Segundo lembrou o deputado provincial, SmartPEME é un proxecto pensado como un servizo que engloba todos os axentes implicados no emprego, porque, dixo, “é algo que nos atangue a todas e todos os que estamos unidos e unidas polo noso firme compromiso polo benestar da cidadanía”. Por este motivo, salientou o feito de que “este programa estea pensado para darlles aos concellos o protagonismo que merecen ter e poder así traballar xuntos pola prosperidade e a modernización da nosa provincia”.
Dios tamén recordou “as melloras introducidas neste novo modelo”, en relación á iniciativa análoga previa da Deputación, a rede CPAE 2.0, destacando “a incorporación dunha estratexia personalizada para cada caso individual, ademais da especialización de cada unha das oficinas en función dos sectores máis implantados no tecido empresarial de cada territorio”.
Igualmente, fixo un percorrido polas diferentes actividades que se están a pór en marcha nos emprazamentos físicos de SmartPEME: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial en función das necesidades das áreas de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pequenas e medianas empresas e impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
A Deputación salienta en Ponteareas a capacidade de SmartPEME para dar servizo a todos os emprendedores e autónomos
Compartir Este Artigo

