Co obxectivo de avaliar a fondo os principais riscos da comunicación dixital (ou, mellor dito, dun mal uso da comunicación dixital, ben sexa no plano activo ou no pasivo) e as principais ameazas que nos chegan a través destas canles, a Universidade de Vigo e a consultora Deloitte veñen de crear unha iniciativa conxunta de traballo e investigación: a Cátedra Deloitte de Ciberseguridade. Segundo explicaron, comezará a súa andaina o comezos de ano. Na formalización do acordo (que foi asinado este mércores) participaron o reitor, Salustiano Mato, e o galego Rubén Frieiro, socio de Riscos de Deloitte. O principal obxectivo da cátedra é “promover o desenvolvemento de competencias profesionais do alumnado universitario e doutros profesionais, mellorando a capacitación e ampliando os seus coñecementos no ámbito da ciberseguridade”. Haberá cursos (abertos a profesionais en activo), conferencias, seminarios, e foros, a desenvolver nos Campus de Vigo e no deu Ourense.
Estes cursos e conferencias, sinalouse, irán dirixidos “ao gran público” e compartindo o nexo común da súa ligazón cos problemas reais de ciberseguridade, tanto no ámbito dos cidadáns (uso fraudulento de cartóns de crédito, datos persoais empregados para calquera uso…); como para os máis mozos (ciberacoso, ciberbullying, sexting…); e as empresas (datos de clientes/provedores, datos sensibles da propia empresa, ataques ao funcionamento diario da compañía…).
De cara a premiar ao alumnado que consiga meirande formación, os impulsores da cátedra barallan tamén a creación de varias bolsas de excelencia académica e a edición de folletos e vídeos breves sobre os principais “ciberdelitos” que axexan á sociedade, “con principal incidencia en nenos e adolescentes”. “Estas cousas teñen un efecto positivo e motivador sobre a sociedade e a súa percepción sobre os profesionais que se dedican á ciberseguridade e serven tamén para ligar a loita contra este tipo de delitos coa profesión da enxeñaría, tanto de telecomunicación como tamén de informática”, dixo na presentación Íñigo Cuíñas, catedrático de Teoría da Sinal e Telecomunicacións e director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións do Campus de Vigo.
A maiores, contémplase tamén a posibilidade de editar un libro introdutorio á ciberseguridade en empresas con fins divulgativos e baseado nos principais estudos e materiais desenvoltos por distintas axencias e empresas, así como a experiencia de profesionais do ámbito.
A UVigo e Deloitte achegarannos formación avanzada en ciberseguridade
Compartir Este Artigo

