Entre os concellos que nesta recta final de ano decidiron remodelar a súa xanela dixital ao mundo, no fondo e na forma, atópase o Concello de Ourense, que xa ten en marcha dende hai uns cantos días a súa nova páxina web, dispoñible en ourense.gal. O primeiro que cómpre salientar do novo sitio é o mellor artellamento dos contidos e das seccións, máis doadas de empregar e de abranguer na súa totalidade. O Goberno local tamén destacou a utilidade e a sinxeleza da nova páxina, ao tempo que “a súa accesibilidade e a súa vontade de transparencia”. Os cambios, que afectaron aos contidos (máis e mellor dispostos) e á feitura, marcan unha gran distancia con respecto ao deseño anterior. De feito, é natural que así sexa, tendo en conta que a anterior xanela dixital data de 2004.
Así o explicou o alcalde Jesús Vázquez este mes de decembro: “A antiga web databa de 2004, e precisaba unha nova imaxe xa que o xestor de contidos estaba certamente obsoleto e dificultaba a actualización de contidos que unha cidade como esta precisa”. Segundo engadiu, “con esta nova ferramenta, a web pode manterse actualizada polos diferentes departamentos municipais sen maior problema”.
O desenvolvemento da nova Ourense.gal ascendeu a 6.060 € (IVE engadido). O Concello salientou, a maiores das devanditas, as seguintes novidades: o formato blog inserido na meirande parte das seccións, a apertura ás novas canles e comunidades sociais, a inclusión da funcionalidade de xeolocalización nos servizos municipais (co fin de facer máis doada a súa localización por parte da cidadanía), a incorporación vindeira da axencia institucional do alcalde ou a posta en marcha dun “espazo plural de difusión onde os grupos municipais poderán dar conta da actualidade relativa á súa axenda”. Tamén se fixo fincapé na accesibilidade, na mobilidade, na compatibilidade cos diversos navegadores e no eido responsive (deseño adaptativo a diferentes dispositivos de acceso).
Ourense presentou en decembro a súa renovada web
Compartir Este Artigo

