A científica galega nunha imaxe de Sandra Alonso para La VozPeregrina Quintela Estévez, catedrática de Matemática Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela e directora do ITMATI recibiu este luns 26 o Premio María Josefa Wonenburger Castells 2016 polos seus avances na transferencia das matemáticas á sociedade, especialmente á industria. No acto, celebrado no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago, o presidente da Xunta enxalzou “o exemplo das mulleres científicas”. Quintela reclamou no seu discurso á Administración e ás entidades sociais “fórmulas estables para frear a desaceleración científica xerada tras o inicio da crise”. Como recordaremos, Quintela Estévez, entre 2006 e 2012 coordinou o Nodo CESGA do proxecto Enxeño Mathematica (i-Math) e a súa plataforma de consulta (2009-2012). Ademais, preside a Rede Española Mathematica-Industria (math-in) desde 2011 e é directora dende 2013 do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (o ITMATI, unha entidade dirixida a achegar solucións de produtividade ao tecido empresarial botando man da matemática industrial, o modelado, a simulación numérica e o Big Data). Desde 2015 é membro do equipo de dirección da Rede Europea EU-MATHS-IN. No eido da matemática aplicada participou en case un cento de proxectos de investigación ou contratos de transferencia coa industria de distintos sectores, liderando máis de corenta.