O Ministerio de Industria, Turismo e Axenda Dixital aprobou a designación de Telefónica de España como a operadora encargada de continuar prestando o servizo universal de telecomunicacións, tras publicarse este mércores 28 tres ordes Ministeriais acreditando e oficializando a resolución. A compañía de telecomunicacións, lembra o Goberno, xa viña fornecendo o servizo universal e “continuará a súa prestación a partir do 1 de xaneiro de 2017” por un período de 3 anos no caso dos servizos de conexión, e de 1 ano no caso das guías e as cabinas telefónicas.
Segundo explica o Ministerio, a licitación pública para a designación dos operadores encargados de subministrar o dito servizo ficou desta volta deserta, prevendo a regulación que a elección final se faga por orde ministerial. Deste xeito, logo de con data de 1 de outubro se publicaran os pregos das tres licitacións das compoñentes de conexión (incluíndo chamadas, acceso a Internet, servizos a usuarios con diversidades funcionais e cognitivas e abono social), guías telefónicas e cabinas telefónicas, aquelas foron declaradas finalmente desertas. “Por iso”, explica o Goberno, “procedeuse á designación directa conforme ao establecido na normativa que regula o servizo universal”. O servizo universal de telecomunicacións, como lembraremos, garante que “todos os usuarios poidan acceder a unha serie de servizos básicos con independencia da súa localización xeográfica, cunha calidade determinada e a un prezo alcanzable”.
O Goberno designa a Telefónica fornecedora do servizo universal de telecomunicacións
Compartir Este Artigo

