O Consorcio da Zona Franca vénse de sumar á celebración de 2017 e aos desexos dos mellores agoiros e faino comunicativa e tecnoloxicamente. Máis polo miúdo, faino coa estrea da súa páxina web, un remodelado sitio en liña coa que a entidade tamén festexa os seus “70 anos traballando para impulsar a economía de Vigo”. A web, moi visual e con maiores contidos, tamén salienta por estar plenamente adaptada (deseño responsive) para os novos tipos e acceso e navegación. A páxina achégase en galego (cousa que é moi de agradecer nestes tempos), en español e inglés. Segundo informa o Consorcio, no seu desenvolvemento traballaron algúns dos mellores creativos vigueses, tanto en tarefas de deseño como de fotografía e contidos audiovisuais.
O resultado é unha páxina moi vistosa e moi coidada no deseño, en palabras da entidade “posuidora dun contido gráfico de extraordinario atractivo que amosa perante a Rede a mellor faciana dunha cidade emprendedora”.
Segundo explica a Zona Franca, zfv.es distínguese tamén por permitir facer procuras máis personalizadas, xa que inclúe a opción de coñecermos toda a oferta de espazos que o Consorcio fornece, ben sexa de parcelas industriais, comerciais ou de servizos, oficinas, salas de reunións, e servizos adicionais enfocados aos emprendedores.
O Consorcio quixo tamén marcar as diferenzas achegando unha política de prezos que cualifica de transparente. Esta achega, sinala a entidade, fai posible “que os clientes atopen sempre o mellor prezo dispoñible e accedan directamente as diferentes opcións que se ofrecen para o establecemento de negocios e empresas”.
O Consorcio tamén destaca que dende o sitio podemos acceder a datos sobre as diferentes liñas de traballo da entidade, por exemplo os servizos especializados en innovación, en emprendemento, en internacionalización ou en información empresarial. Tamén se inclúen accesos a outras áreas de actividade dependentes do Consorcio como son a sociedade de capital-risco Vigo Activo ou a sociedade de Aparcadoiros Subterráneos de Vigo que xestiona o centro comercial A Laxe e os estacionamentos Robotizado e da Estrela.
Asemade, zfv.es tamén incorporou melloras na presentación da súa sede electrónica, “a través da que se pode coñecer todos os expedientes en licitación, adxudicados ou xa finalizados así como as contratacións previstas”.
O Consorcio da Zona Franca amosa o pulo empresarial de Vigo dende a súa remodelada web
Compartir Este Artigo

