Nadal en Rede, a iniciativa da RDL para conmemorar con diferentes actividades estas dúas semanas de días feriados, atópase arestora na súa recta final (ata o sábado 7 de xaneiro). Haberá, este comezo de mes, obradoiros musicais, xogos e brinquedos en galego, concertos didácticos, teatro e encontros con Bolechas. Nadal en Rede ten dous eixes de actividade: o real e o virtual. A respecto deste último, o Portal da Lingua Galega acolle unha parte importante das celebracións e dos recursos achegados. Por exemplo, poñendo disposición de toda a cidadanía múltiples recursos para festexar e recibir a visita do Apalpador e dos Reis Magos “na lingua propia de Galicia”.
Desde o portal, máis en detalle, podemos descargar, tamén de balde, discursos en galego pensados para seren lidos de noite nas cabalgatas, modelos de cartas para escribirlles na nosa lingua ás súas maxestades de Oriente, así como a ferramenta resposta dos Reis Magos para que os nenos e nenas poidan recibir unha mensaxe personalizada de Melchor, Gaspar e Baltasar escrita en galego.
O Portal da Lingua pon á rapazada galega en comunicación cos Reis Magos
Compartir Este Artigo

