O fabricante galego Primux Tech, emprazado na Tecnópole de Ourense (onde conta con centro de I+D propio), vén de comezar o ano anunciando un feixe de novidades importantes para os vindeiros 12 meses: novidades tecnolóxicas de interese para os usuarios de telefonía avanzada. En palabras de Primux, “o novo ano vén cargado de actualizacións ou versións melloradas de varios dispositivos da casa”. En primeiro lugar, a firma galega salienta as optimizacións aplicadas sobre o seu smartphone Omega 7.
Agora, co seu “deseño simple, cómodo e con capacidade de adaptación”, o Omega 7 salienta pola súa pantalla HD de 5,5 polgadas e tecnoloxía 4G que “nos permitirá navegar e subir ou baixar datos a unha velocidade asombrosa”. Conta ademais cunha cámara de 13 Mpx para que poidamos, en palabras de Primux, “capturar todo o que nos rodea”.
As melloras tamén chegan ao modelo Kapa P501, o teléfono intelixente máis accesible (economicamente) da familia Primux. “Coa súa pantalla de cinco polgadas en HD, permitiranos gozar a toda cor dos nosos vídeos e fotos favoritas”. Incorpora agora cámara de 13 Mpx e memoria de 8 GB ampliable a 32 GB con microSD. Trátase do smartphone máis económico de Primux pero, segundo lembra o fabricante galego, “non por iso menos completo”.
Outro trebello que foi obxecto de optimizacións foi a Cámara Sporty 4K, a nova cámara de aventuras de Primux, que ademais de todos os elementos que nos deparou en datas vindeiras incorpora agora un mando para poder controlala a distancia. “Vaias á neve ou a mergullarte nas profundidades mariñas, non perderás ningún detalle coa cámara Sporty”, lembra Primux.
Por último, a firma ourensá recorda que o Notebook 1401 inclúe a partir de xa un elemento para incrementar aínda máis a súa sinxeleza e efectividade, máis en detalle un novo procesador que “suma potencia e rapidez para os nosos tempos de lecer e traballo sexan mellores”.
A galega Primux Tech estrea ano con novidades e melloras no seu catálogo
Compartir Este Artigo

