Mentres en España a loita xudicial polos dereitos de retransmisión de encontros deportivos aínda parece reducirse ao caso de Rojadirecta, en Reino Unido existe unha grande preocupación pola proliferación de dispositivos equipados coa aplicación Kodi, para a que existen numerosos complementos que facilitan a recepción de sinais televisivos a través de streaming fóra das canles tradicionais, o que incluso levou a que levasen a xuízo a un vendedor de dispositivos con Android con Kodi precargado (resultando de grande interese esta causa por ser a que trazará a liña da legalidade da comercialización destes trebellos).
Pero a loita contra este tipo de piratería audiovisual está a resultar moi complicada, polo que a Premier League solicitou unha orde xudicial que permitirá exercer actuacións máis contundentes contra a retransmisións de streams de vídeo con partidos de fútbol, xa que conseguiron autorización para bloquear os servidores que subministran os sinais, en vez de ter que actuar stream a stream como facían ata o de agora (e que permite unha rápida restauración dos sinais nun fluxo de vídeo diferente). Un voceiro da Premier League asegura que é «a primeira vez que isto permitirá que a Premier League corte e preveña o streaming ilegal dos nosos partidos a través de IPTV», ou sexa, que servirá para deixar fóra de xogo aos trebellos cargados con Kodi, de xeito que os británicos que queiran gozar do fútbol terán que contratar canles como Sky Sports ou BT Sport.
Estas medidas chegan nun momento no que o uso de Kodi para ver retransmisións deportivas no Reino Unido chega a considerarse unha práctica epidémica dende o pasado mes de setembro, de xeito que o 11% dos británicos recoñecerían empregar Kodi para ver retransmisións piratas.
Cómpre salientar que a lexislación británica tampouco é moi clara sobre a legalidade do uso de Kodi para recibir contidos audiovisuais polos que non se pagou, xa que nun principio os usuarios infrinxirían o copyright se descargasen os contidos (non se os reciben mediante streaming) e os dispositivos empregados tampouco serían ilegais (xa que non se trata de receptores de satélite ou de televisión por cable trucados, senón de trebellos xenéricos que funcionan do mesmo xeito que un smartphone ou unha tableta, o que é claramente lícito). Resulta así bastante complicada a defensa dos dereitos de explotación audiovisual, resultando patente un cambio lexislativo que se adapte á realidade (como aconteceu en España no caso de Rojadirecta, plataforma que non puido condenarse xudicialmente ata que se realizaron un par de reformas da Lei de Propiedade Intelectual).
A Premier League tomará medidas efectivas para bloquear os streams ilegais
Compartir Este Artigo
