Nova sentenza contra Rojadirecta

martes, 7 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

O pasado mes de novembro o Xulgado do Mercantil nº 2 da Coruña declarou que tanto Igor Seaoane como a empresa Puerto 80 Project SLU, responsables da páxina web Rojadirecta, violaron os dereitos de propiedade de Mediapro e Gol Televisión, obrigándoos a deixar de subministrar ligazóns que dean acceso «en directo ou en modo lixeiramente diferido» de partidos de fútbol da actual ou en futuras tempadas, á vez que se recoñece a necesidade de indemnizar aos demandantes, e agora o Xulgado do Mercantil nº 1 da Coruña comunica unha sentenza ditada o 1 de febreiro resolve na mesma dirección ante a demanda interposta por DTS (antes Canal+, e agora Movistar+).
A nova sentenza recoñece que Puerto 80 Projects violou os dereitos patrimoniais de propiedade intelectual ao difundir sen permiso as emisións deportivas do denunciante, mentres que o denunciando argumentaba que os contidos eran subministrados polos seus usuarios de xeito que só realizaría un labor de intermediación, ao que o xuíz responde que a «catalogación e ubicación nos epígrafes correspondentes dun índice de contidos era imprescindible para que o grande publica accedera aos contidos protexidos inseridos en páxinas que non gozan de libre acceso e reservadas ao público abonado», ou sexa, que Rojadirecta sería un cooperador necesario e culpable da vulneración de dereitos de propiedade intelectual, polo que ordenaría o peche da páxina web en todos os seus dominios.
Unha vez máis queda pendente a asignación dunha indemnización para un procedemento posterior e a sentenza tampouco é firme.

PUBLICIDADE