Para quen quedase con fame de robótica e tecnolóxica libre e creativa logo do Arduino Day 2017 celebrado en Lugo, da man de MakersLugo, esta asociación vén de anunciarlles que xa ten entre mans unha nova actividade argalleira e colaborativa. Trátase dun obradoiro de iniciación de Arduino, unha actividade especialmente deseñada para as persoas que acudiron á cita do 1 de abril que se “interesaron polo mundo Maker” e fixeron pescudas sobre onde introducírense neste eido e sobre a liña de actividade de MakersLugo alén do Arduino Day. Co obxectivo de axudar a estes vindeiros makers a convertérense en tales celébrase precisamente este obradoiro de iniciación. A cita será o sábado 6 de maio pola mañá (de 10.30 a 13.30).
“A nosa idea”, sinala a asociación, “é que se trate dunha primeira toma de contacto ou bautismo, para quen non se atreve a empezar, e lanzalo a imaxinar os seus propios primeiros proxectos”. E engaden: “Será unha sesión sobre todo práctica, para aprender a posta a punto do entorno de desenvolvemento de Arduino, o asunto das entradas e saídas, con premedores e LEDs”. Ou sexa, conceptos e compoñentes básicos de electrónica mínima. Ademais, os organizadores do evento engaden que se a marxe de tempo resulta ampla de abondo, tamén se introducirá aos participantes na cuestión do audio.
O taller será no local D10 do CEI-Nodus. Respecto das idades, consideráronse os 12 anos como “unha idade mínima orientativa”. A actividade é de balde, previa inscrición no formulario que habilita MakersLugo.
Sobre Arduino
A tecnoloxía Arduino, segundo lembran os responsables de Makers Lugo, é unha plataforma de hardware libre deseñada para facilitar a creación de proxectos interactivos que integren elementos electrónicos. A tecnoloxía foi creada hai máis dunha década no Instituto de Deseño Interactivo da cidade italiana de Ivrea. Buscábase unha ferramenta para que os estudantes puidesen ter acceso a plataformas de creación interactivas de baixo custo. Nos últimos anos, Arduino estendeu o seu obxectivo orixinal converténdose nun dinamizador da industria global de electrónica e do movemento Maker.
MakersLugo organiza un obradoiro o 6 de maio para facer máis makers
Compartir Este Artigo
