Argalleiros das nosas catro provincias participaron no Arduino Day de Makers Lugo
martes, 4 de abril do 2017
Este
sábado 1 de abril, o edificio CEI-Nodus de Lugo acolleu finalmente a
cuarta edición do evento
Arduino Day, organizado por Makers
Lugo e coa colaboración do CEI-Nodus e máis do Concello. Foi
como era de agardar, unha xuntanza moi concorrida e moi
interxeracional (houbo xente de todas as idades, dende argalleiros
veteranos a desenvolvedores de cursos de infantil e primaria)
directamente encamiñada a “facer” tecnoloxías. E todo botando
man de recursos libres e cen por cen dispoñíbeis para calquera
argalleira/o en potencia e demostrando, unha vez máis, que todas e
todos levamos un creador tecnolóxico dentro tentando abrollar á
mínima oportunidade.
Este
alicerce democrático e integrador foi a lema da xuntanza, un
auténtico referente galego e estatal do movemento Maker (o
movemento do “faino ti mesmo”, un chamamento integral a prol de
tirar abaixo canto atranco poida haber entre as persoas e a súas
propias capacidades de crear, inventar e desenvolver tecnoloxía) e
da divulgación arredor de Arduino, a plataforma de prototipos de
electrónica open source. A
cita desenvolveuse no segundo andar do CEI-Nodus e contou coa
presenza activa de makers de todos os recantos da nosa terra
(aínda que principalmente de Lugo, Santiago, A Coruña e Ourense).
Por exemplo os membros de BricoLabs,
Recuncho Maker ou
Pontemaker.
A
cuestión Arduino
O
Arduino Day, como o seu propio nome indica, serviu tamén para
conmemorar dende a nosa terra o Día Internacional de Arduino 2017
(xunto con preto de medio milleiro de eventos desenvolvidos de
maneira paralela e complementaria a nivel mundial). Esta tecnoloxía,
segundo lembraron dende o CEI-Nodus os responsábeis de Makers Lugo,
é unha plataforma de hardware libre deseñada para facilitar a
creación de proxectos interactivos que integren elementos
electrónicos. A tecnoloxía foi creada hai máis dunha década no
Instituto de Deseño Interactivo da cidade italiana de Ivrea.
Buscábase unha ferramenta para que os estudantes puidesen ter acceso
a plataformas de creación interactivas de baixo custo. Nos últimos
anos, Arduino estendeu o seu obxectivo orixinal converténdose nun
dinamizador da industria global de electrónica e do movemento Maker.
Makers
Lugo
A
asociación makers.lugo é unha entidade sen ánimo de lucro, creada
en xaneiro de 2014, que forma parte do movemento Maker. Ten
como obxectivo contribuír na construción dunha sociedade baseada
nos principios do libre acceso á tecnoloxía, impulsando actividades
relativas a hardware e software libre. Segundo explica a asociación,
o movemento Maker é a cultura de fágao vostede mesmo, Do
it Yourself en inglés. O termo Maker, engaden, é unha
palabra acuñada por Dale Dougherty, fundador en 2005 da revista
Make, que lle dá nome ó que se levaba facendo dende anos
antes nos hackerspaces e fablabs: milleiros de
artistas, enxeñeiros, programadores, autodidactas e seareiros do
open source de todo o mundo compartindo ideas, experiencias e
proxectos, creando unha nova cultura baseada na colaboración e libre
acceso á tecnoloxía.