Hai preto dun ano Google anunciou o seu novo asistente, a evolución de Google Now, que pode dialogar co usuario achegando información dun xeito máis natural e sensible ao contexto, pero que só estaba dispoñible en inglés, o que por fin comeza a cambiar, aínda que moi paseniño, xa que hoxe dan conta de que o Asistente de Google estrea a súa primeira versión en español, polo momento dentro da aplicación de Google Allo en Android e en iOS, pero só en formato de texto.
Deste xeito, cando esteamos nunha conversa en Allo e escribamos @google, poderemos pedirlle á intelixencia artificial de Google que nos suxira restaurantes, que nos diga cando xoga o noso equipo de fútbol favorito, que nos achegue a predición meteorolóxica, que programe un recordatorio ou que nos faga algunha broma, sen ter que saír da aplicación.
Esta tecnoloxía tamén poderá aproveitarse (dentro dunhas poucas semanas) para responder de xeito rápido ás mensaxes sen ter que escribir nada, xa que o sistema suxerirá respostas, como confirmando unha pregunta ou realizando comentarios sobre unha imaxe recibida, adaptándose esta funcionalidade ás conversas do usuario.
O Asistente de Google comeza a entender o español escrito
Compartir Este Artigo
