
Entre estes problemas principais aos que nos enfrontamos o experto citou o elevado desemprego, a baixa produtividade ou o envellecemento da poboación. Domenech, na súa intervención, tamén defendeu e salientou as posibilidades de pulo laboral que fornece o proceso de dixitalización. “Por cada posto de traballo creado na industria de alta tecnolóxica, créanse cinco complementarios”. Na súa opinión, os procesos empresariais de aposta TIC serán pezas clave do desenvolvemento económico de Galicia.
Segundo enumerou Domenech, o 74% das nosas empresas dispón de páxina web, o que supón 2,6 puntos menos cá media española. Ademais, dixo, “só un 16,8% delas permite facer reservas en liña, cifra lixeiramente inferior á de media estatal”. Domenech tamén destacou que, en canto á cantidade de internautas, a nosa terra rexistra case un 76% de usuarios, mentres que a media en España sitúase no 79%. En cuestión de Administración Electrónica estamos en liña co resto do ámbito estatal, aínda que “lonxe dos niveis que acadan algúns países do norte de Europa”.
Pola súa banda, Yolanda Martínez-Bajo, directora do Territorial Noroeste de BBVA, fixo un chamamento para innovar no seo das nosas empresas, “e debemos facelo para adaptarnos a un mundo cada vez máis complexo e global”. Na súa opinión, “o chimpo dixital é hoxe unha necesidade para as PEME e empresas, a súa adaptación á nova era dixital é a clave para o seu futuro”.
Antonio Couceiro, presidente da Cámara da Coruña, salientou que as tecnoloxías de análise da información masiva que se xera nas redes, o que se coñece como Big Data, converteuse “nunha oportunidade e unha fonte de información que hai que saber manexar e aproveitar, dándolle valor”. Sobre todo, dixo, tendo en conta que o Big Data fai posible cousas como adiantarnos ás preferencias dos nosos clientes, coñecer de maneira fiable o que procuran e o que desexan, minimizar erros de xestión, etc.
Pola súa banda, Juan Carlos Plaza, de BBVA Data&Analytics, fixo fincapé nas vantaxes que supón unha boa utilización dos datos e a información. “A análise de grandes volumes de datos en diferentes formatos e en tempo real”, sinalou, “permite describir e entender a realidade de novas maneiras, pero tamén predicila e mesmo deseñala, xa que os datos tamén posibilitan crear novos produtos e servizos tal e como xa fan as compañías 100% dixitais que están a transformar boa parte dos sectores económicos”.
BBVA e a Cámara da Coruña lembran que sen dixitalización a nosa terra non medrará no económico e no laboral
Compartir Este Artigo
