
Como lembraremos as xornadas A industria cultural galega no horizonte 2025 viñeron da man de Xosé López, Víctor Freixanes e Berta García Orosa. Nelas participaron preto dunha vintena de teóricos e creadores. O seu obxectivo foi debater acerca da relevancia dos contidos e da comunicación, dende unha óptica da nosa terra.
A segunda sesión arrincou coa exposición de Domingo Docampo, catedrático en Teoría do Sinal, que deparou agoiros positivos para Galicia: “Estamos onde hai que estar e temos infraestruturas e un sector das novas tecnoloxías da información”. Segundo fixo saber os restos pasan por “achegar as infraestruturas de banda larga a todo o país” e recoñecer que “a fenda dixital hoxe é cultural”. O perfil completouno Berta García Orosa cun relatorio no que expuxo resultados do grupo de investigación en comunicación Localcom que incidía na perda de espazo comunicativo e cultural por mor da crise do que aínda non nos recuperamos.
Cristina Pato, pola súa banda, comezou a súa intervención tocando unha pequena peza para explicar como “a gaita deixou de ser un instrumento que tocaba para ser o eixe da miña carreira”. Partindo da experiencia de seu avaliou o que sería o perfil da artista sustentable do século XXI, que “xunta entusiasmo, paixón, aprendizaxe continua e unha boa estratexia comunicativa”. Segundo fixo saber, “estamos nunha industria cambiante, se antes era una discográfica a que editaba, agora recorres ao crowfunding para financiar os teus proxectos, alén de petar en moitas outras portas” afirmou.
A versatilidade de Pato foi reivindicada posteriormente por Víctor Freixanes, presidente da RAG, quen dixo que o seu exemplo mostra “as características esenciais dunha artista que estaba na nosa cultura tradicional e ofrecer a súa proxección no mundo en pé de igualdade con outras culturas”: Nesa liña tamén incidiu María Yáñez, especialista en estratexias nas redes, que afirmou que “canto máis singulares sexamos máis visibles e relevantes estaremos na Rede”.
No serán, a escritora Inma López Silva centrou a situación das artes escénicas en Galicia caracterizada polo efecto da crise, pola dependencia do investimento público e moi deficitario nos públicos. A novelista propuxo “un cambio de modelo no que sexan os públicos os que sustenten o cambio”. Agar Ledo, pola súa banda, achegou un estudo do sector das artes visuais mentres que Nieves Rodríguez Brisaboa falou das industrias arredor da Rede. Francisco Campos pechou a cita cunha conferencia sobre a economía da cultura en Galicia.
Creadores e teóricos avogan no CCG por reivindicar a identidade galega nas redes
Compartir Este Artigo
