A 6ª Ciberliga chega a 51 centros educativos galegos para promover unha experiencia dixital segura
venres, 31 de xaneiro do 2025
Ir á procura dunha contorna dixital segura e sensibilizar ás e aos menores con respecto á necesaria protección no uso das novas tecnoloxías é o obxectivo que se materializa en Galicia en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Garda Civil.
Así o sinalaba a subdelegada do Goberno, María Rivas, esta mañá na Coruña coa consolidación en Galicia da Ciberliga promovida pola Garda Civil, que acadou na súa sexta edición chegar a 51 centros educativos de Galicia e implicar a 1.400 alumnos e alumnas de 4º da ESO nesta competición.
María Rivas presidiu no Cuartel de Lonzas o acto de entrega de diplomas aos doce equipos galegos que quedaron en 1º, 2º, e 3º lugar nesta competición en cada unha das provincias galegas. Deles, os equipos do Centro Público Integrado Armando Cotarelo Valledor (Boimorto-A Coruña); o do CPR Plurilingüe Real Colegios Padres Escolapios (Monforte de Lemos-Lugo) e o do IES de Meaño (Meaño-Pontevedra) representarán a Galicia na fase final a nivel nacional, que se celebrará do 10 ao 14 de marzo na Academia de Oficiais da Garda Civil, situada en Aranjuez, Madrid.
Indo ao acto de hoxe, informar que contou coa asistencia do xeneral xefe da Zona de Galicia da Garda Civil, Miguel Ángel González, xunto ao coronel Xefe da Comandancia da Coruña, Fernando Pedreira; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández; as persoas responsables e o alumnado dos centros educativos gañadores dos centros que participaron no certame.
