A AESIA terá capacidade sancionadora a partir de agosto

venres, 27 de decembro do 2024 Marcus Fernández

Moito rebumbio causou a elección da cidade da Coruña como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), e aínda que o organismo non se instalará na cidade herculina até que rematen as reformas do edificio que a acollerá na cerna dos Xardíns de Méndez Núñez, a Axencia traballará dende Madrid.
Resulta bastante rechamante que, sen ter ocupado a súa sede oficial, aseguren que o seu cadro de persoal chegará até os 80 empregados ao longo de 2025, entre os que figurarán un director xeral (Ignasi Belda), un secretario xeral, dous xefes de división, un subdirector e persoal de administración que, mentres non conten con orzamento de seu, dependerán do Ministerio de Transformación Dixital.
Actualmente a AESIA está a prestar servizos de divulgación e promoción do desenvolvemento responsable e sustentable da intelixencia artificial no marco da Estratexia Nacional de IA, estando previsto que a partir do 2 de febreiro a Axencia teña capacidades de inspección de prácticas prohibidas en IA e, a partir do 2 de agosto, adquirirá plena potestade sancionadora e outras competencias establecidas pola normativa comunitaria.