A ATP do Campus de Lugo favorecerá o emprego de colectivos en risco tirando proveito das TIC
mércores, 21 de febreiro do 2024
A Aula TIC-Pemes (ATP) da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo da USC pon en marcha este mes de febreiro proxecto Troia Mentoring, unha nova iniciativa de orientación social a través da que se busca habilitar novas pasarelas cara ao emprego e a inclusión activa para colectivos en riscos de exclusión, tal e como son as persoas con discapacidade e síndrome de Down.
Como lembraremos, a Aula ATP é un polo de formación e asesoramento creado hai xa máis de tres lustros co obxecto de reducir a fenda dixital na sociedade e no tecido empresarial galego.
Volvendo ao programa Troia Mentoring, suporía o duodécimo proxecto de orientación social impulsado desde 2008 pola ATP da USC, un modelo de formación e aprendizaxe autónoma a través do que o equipo do campus lugués coordinado polo catedrática Ángeles López Cabarcos achegou competencias profesionais e habilidades sociais e empresariais relacionadas coas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) a un total de 212 persoas.
O novo proxecto da ATP da USC, a través do que se dá continuidade a programas xa rematados da Aula, pretende capacitar en habilidades empresariais a persoas con discapacidade e síndrome de Down, a través dun período de 30 horas de formación, que serán impartidas por docentes da USC. Unha vez superado este proceso, as persoas beneficiarias poderán tamén completar unha estadía laboral de máis de 100 horas (algo máis dun mes) en empresas e entidades.
Un dos principais obxectivos deste novo proxecto de marcado calado social promovido pola ATP da USC é que “o mercado de traballo deixe de ser un espazo excluínte para as persoas con discapacidade, a fin de converterse nun ámbito onde este colectivo poida exercer o seu dereito a empregarse en calquera novo posto de traballo xerado, demostrando e difundindo a súa capacidade e competencia como persoas traballadoras”, sinala a profesora López Cabarcos, engadindo que “o noso propósito pasa por achegar as empresas a este tipo de alumnado para favorecer o seu acceso a postos de traballo de calidade”, salienta.
A Aula tamén fixo balance de actividades: 41 cursos sobre temáticas orientadas á utilización das TIC no ámbito empresarial e nos que tomaron parte 542 persoas. O alumnado destas actividades gozou da posibilidade de ser protagonista activo en diversos procesos de aprendizaxe sobre redes sociais e posicionamento web, Facebook para pemes e autónomos, tendas virtuais con Prestashop ou programas e aplicacións informáticas como v-Tiger CRM ou Dolibarr ERP.
Respecto das accións ou tarefas de asesoramento e empresas e ou entidades, a Aula TIC-Pemes da USC conta tamén con ampla experiencia, como o proba o desenvolvemento de proxectos específicos con administracións públicas e outras accións de formativas con empresas e colectivos empresariais.