A Audiencia Nacional desbota o canon dixital

xoves, 24 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

A Audiencia Nacional vén de botar por terra unha das medidas estrelas das sociedades de xestión de dereitos de propiedade e do Goberno español por compensar aos creadores con licenzas pechadas (copyright) pola copia dos seus arquivos. Estamos a falar do canon dixital, unha taxa aplicada a diversos medos de gravación (e da que se benefician autores, editores, produtores e artistas asociados a plataformas de xestión de dereitos) que segundo a sala do Contencioso Administrativo da Audiencia Nacional non pode seguir vixente. Segundo informa Europa Press, a anulación do canon vén dada porque a sala entende “que a orde ministerial que regula a taxa dixital é un regulamento e, por tanto, a aprobación precisaría determinados trámites relativos a memorias xustificativas e económicas, e máis un ditame do Consello de Estado, que non se fixo”.
Desta maneira, a Audiencia Nacional salienta que segundo o seu parecer a norma está afectada “de vicio radical”. Isto tivo como consecuencia o seu rexeitamento. Por certo que tamén se desbota a intención de que se devolva o recadado polo canon por falta de competencia.