A Axencia Europea de Seguridade Marítima encarga a Altia o mantemento das súas aplicacións

xoves, 18 de febreiro do 2021 S. P.


A Axencia Europea de Seguridade Marítima (EMSA), organismo da UE encargado de reducir o risco de accidentes marítimos e loitar contra a contaminación mariña, adxudicou á empresa galega Altia un contrato de servizos TI centrado no mantemento evolutivo da aplicación web Interface Gráfica de Usuario (SEG) e da súa aplicación móbil IMS. O proxecto inclúe tamén a xestión e execución da parte correctiva.
O acordo marco asinado coa axencia europea inclúe o subministro de servizos durante catro anos a partir da data da súa entrada en vigor. O montante máximo, incluídas todas as renovacións, é de 1,6 millóns de euros.
Ao abeiro deste proxecto, a Axencia Europea de Seguridade Marítima (EMSA) quere pór a punto as súas aplicacións e desenvolvementos móbiles, co obxectivo de “mellorar o seu rendemento e seguridade”, informaron fontes da empresa galega, engadindo que tamén se vai traballar na automatización das probas relacionadas coas funcionalidades básicas. En total, mellorarase o servizo prestado a ao redor de 5.500 persoas.
Jesús Criado, director Técnico de Altia, sinala que “neste momento, estamos na fase de desenvolvemento das primeiras RFCs tanto para SEG como para IMS que mellorarán o rendemento nas chamadas relacionadas coa posición dos barcos. Á súa vez, estamos a dar xa os primeiros pasos na xestión da parte correctiva”.

PUBLICIDADE