A Biblioteca de Ames comeza un programa de contos na Rede: os Dixicontos

mércores, 18 de novembro do 2020 Sandra Rivadulla

A Biblioteca Municipal de Ames emitirá dende este mércores 18 até final de ano unha serie de sesións de conta contos na rede que reciben o nome de Dixicontos. Estes programas levaranse a cabo cada mércores, ás 17:00 horas.
O obxectivo da iniciativa é trasladar as habituais sesións de conta contos ao mundo dixital, xa que dende a chegada da COVID- 19, estas actividades non se poden realizar de forma presencial na biblioteca. As animadoras á lectura da Biblioteca Municipal de Ames, Bibiana Fernández e Divina Calvo, seguirán motivando e axudando aos cativos todos os mércores dende unha fiestra de Facebook. Desta maneira, amplíanse ademais, as posibilidades de aforo. Formaran parte do repertorio, clásicos contemporáneos como A cebra Camila, de María Nuñez ou A Máscara do León, de Margarita do Mazo.
Non é a primeira vez que a Biblioteca realiza unha iniciativa como esta. Xa durante o período de confinamento, as animadoras á lectura da biblioteca fixeron 3 conta contos virtuais á semana, que se retransmitiron os luns, os mércores e os venres a partir do Facebook.
A Concelleira de Cultura e responsábel do servizo da biblioteca, Natividade González, sinala que “diante da adversidade non queda outra que reinventarse e iso xa o demostraron os técnicos e técnicas da biblioteca municipal de Ames durante o confinamento, inzando de actividade ás redes; agora, debido a que as normas de loita contra a pandemia dificultan a realización das sesións presenciais de contacontos, as animadoras da biblioteca poñen en marcha os Dixicontos para, deste xeito, seguir motivando á rapazada a ler e escoitar historias”.
Todos os usuarios que queiran participar na iniciativa ou informarse sobre a mesma, poderán visitar a páxina de Facebook da Biblioteca Municipal de Ames.

PUBLICIDADE