A Biblioteca de Galicia achéganos a María Casares con dous recursos dixitais
luns, 21 de novembro do 2022
Este
luns 21 de novembro inaugurouse na Biblioteca de Galicia (Cidade da
Cultura) a exposición María Casares: a conquista da existencia,
coincidindo co día no que se cumpren 100 anos do nacemento da actriz
galega. O acto, a culminación dun ano (2022) de celebracións
arredor de María Casares, foi presidido polo conselleira de Cultura
e Educación, Román Rodriguez. Inclúe unha bibliográfica para
achegar ao público o percorrido vital da actriz e diversos recursos
tecnolóxicos que complementan a mostra (por exemplo os recursos
dixitais habilitados na web da Biblioteca de Galicia).
A
exposición, que poderá visitarse ata o vindeiro mes de xaneiro,
está composta por fondos propios da institución, cun total de 29
libros e oito revistas ás que acompañan material audiovisual como
DVD ou discos.
Durante
o acto de inauguración, o conselleiro de Cultura destacou “que o
amplo programa impulsado pola Xunta para homenaxear os 100 anos do
nacemento de María Casares permite demostrar a importancia e a
vixencia da súa figura para a historia da cultura galega”.
Román
Rodríguez, que estivo acompañado polo director xeral de Cultura,
Anxo M. Lorenzo, convidou ao público a gozar da programación do
centenario de María Casares en xeral, e en concreto desta mostra que
supón “unha oportunidade para que os visitantes descubran de
primeira man o moito que se contou e escribiu ao redor da figura da
artista”.
A
proposta compleméntase con dous recursos dixitais accesíbeis na
web da Biblioteca de Galicia, e postos en marcha polas
comisarias, Patricia Babío e Carina Fernández. Trátase, por unha
banda, dunha bibliografía exhaustiva para completar a escolma
realizada para a exposición física, onde se recolle case todo o
escrito sobre María Casares ou aquilo no que ela participou. Amais,
pódese consultar unha liña temporal da vida da actriz, a través da
que é posíbel navegar cronoloxicamente polos principais
acontecementos da súa existencia, ilustrados con fotografías,
vídeos, ou audios nos que ela é a protagonista ou nos que falan
dela.