A British Library quere documentar a realidade de 2007 a través dos e-mails

luns, 7 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

A Internet e as novas tecnoloxías en xeral son como unha gran máquina de fotos, un libro colectivo e un diario descomunal onde asinar. Tendo en conta estes e outros detalles, as posibilidades que achega a Rede como método de preservación de todas aquelas cousas que nos pasan na vida (sexa ou non interesantes) non teñen prezo. Case poderíamos ir máis lonxe e dicir que toda a Sociedade da Información ten un único gran fin: o de deixar para a posteridade un anaco de nós. Polo menos, iso é o que semella subxacer baixo o Twitter ou o proxecto de Gordon Bell para reunir toda unha vida (a súa) nun disco duro ou a iniciativa que presenta a British Library (o proxecto Email Britain) e que consiste en rexistrar fotografías da realidade dos británicos a partir dos millóns de correos electrónicos que escriben decote. O proxecto, no que tamén participa Microsoft a través do seu novo Windows Live Hotmail (o servizo de webmail de balde, do que falamos nesta mesma web), constitúe unha gran chamada de atención a todos os británicos que viven en liña e que comparten cada día anacos das súas vidas con outros usuarios da Rede vía correo electrónico. Algo así como dicirlles a todos á vez: “Contádenos tamén a nós quen sodes o que facedes”.
Unha vez reunida -a partir do enderezo email@amailbritatin.co.uk- a que probablemente sexa a entrega de cartas electrónicas de máis envergadura da historia da Sociedade do Coñecemento (se cadra só superada polo reverso escuro dos envíos electrónicos masivos: a industria dos produtos farmacéuticos e ortopédicos para alongar o pene), os arquivos clasificaranse e preservaranse para o futuro, co obxectivo de que sirvan de material de referencia para o estudo dos costumes dos seres humanos na era dixital de principios do século XXI (apaixoante, non?). Non é preciso ser un lince para imaxinar que a tarefa de Microsoft e da British Library vai ser ben complicada, sobre todo no que se refire a separar o gran da palla. É dicir: pode darse perfectamente o caso de que moitos dos e-mails recibidos non reflictan o espírito dos nosos tempos ou, polo menos, non nun sentido directo e literal. Porque se comezamos a admitir como válidos os correos de reenvío de fotografías, brincadeiras, xogos de palabras (eses xogos nos que se nos convida a facer un novo reenvío para acadar fortuna decontado) e power points feitos a machada nos intres de lecer do traballo, de seguro que ós científicos do futuro lles vai quedar clara unha cousa: os internautas de 2007 eran uns pailáns.