A Secretaría Xeral da Lingua leva a unha ducia de localidades do Bierzo o noso novo audiovisual
martes, 9 de xuño do 2026
A Secretaría Xeral da Lingua programou entre o 12 e o 24 de xuño o ciclo Cinema en galego en 11 localidades do Bierzo e Sanabria para “reforzar a presenza da nosa lingua neste territorio veciño, onde xa cotamos con estudos, con novas propostas lúdicas”, tal e como sinalou durante a presentación desta iniciativa o secretario xeral Valentín García, destacando que estas proxeccións póñense en marcha ao abeiro do programa de promoción do galego nestas áreas.
Nelas, dixo, a través dun protocolo de colaboración co Goberno de Castela e León, impártese formación nun total de 19 centros educativos.
Deste xeito, apuntou, “pensamos en facer algo diferente, na rúa, que chegue a toda a poboación destes puntos, ademais do propio estudantado, na liña da nosa aposta pola proxección da lingua máis alá de Galicia”.
Para celebrar o 25 aniversario deste programa, a cidadanía en xeral poderá gozar de filmes en lingua galega ao aire libre nas localidades de Camponaraya, Villafranca del Bierzo, Lubián, Corullón, Toral de los Vados, Puente de Domingo Flórez, Carucedo, Cacabelos, Toral de Merayo, Cubillos del Sil e Ponferrada.
Lembrou que neste curso 2025-2026 matriculáronse nos estudos de galego nos territorios castelán leoneses limítrofes con Galicia un total de 1.207 persoas, 30 máis que no curso pasado, “afianzando deste xeito o interese pola aprendizaxe da lingua e o compromiso da Xunta co seu impulso fóra da Comunidade”, sinalou, engadindo que estamos ante uns estudos de carácter voluntario que abranguen a ensinanza non universitaria e nos que este ano participan 13 centros de Educación infantil e Primaria da comarca do Bierzo e un da comarca de Sanabria (Lubián), que suman 991 estudantes. Tamén se imparten clases en catro centros de secundaria do Bierzo, con 158 alumnos, e na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada, con 58 matrículas.
Ás horas lectivas, únenselle outras actividades extraescolares complementarias que permiten potenciar o coñecemento da lingua e da cultura galegas como son as Xornadas Martín Sarmiento nas que se fraguou a idea de organizar o ciclo de cinema na rúa.
