A CRTVG estrea oficialmente o novo deseño da súa páxina web

mércores, 13 de xullo do 2011 Raquel Noya

Beatriz Manjón encargouse de conducir a presentación da nova páxina web da CRTVG

A CRTVG vén de facer pública a nova feitura da súa web (en activo dende hai 15 anos) que se presentou hoxe baixo a premisa de ser unha ferramenta para usar “onde, cando e como queiran os usuarios”, os verdadeiros protagonistas da nova aplicación, que poderán participar activamente na mesma e consumir os contidos dende calquera plataforma que desexen.
O acto de presentación, que conduciu a xornalista Beatriz Manjón, contou coa presenza de destacadas personalidades do eido audiovisual galego, así como con vellas caras coñecidas da casa como Jorge Mira, Xosé Ramón Gayoso ou Xosé Manuel Piñeiro, que non quixeron perder a ocasión de coñecer de primeira man o funcionamento da nova ferramenta.

Esther Medina deu conta das melloras que achega a páxina web da CRTVG na súa nova andaina

O Servizo de Innovación e Novas Canles da CRTVG, ao mando de quen se atopa Esther Medina, traballou a reo no perfeccionamento da antiga web para darlle unha nova feitura e facela máis funcional e atractiva, ao tempo que se adaptara ás novas demandas dos seus usuarios.
Medina explicou o funcionamento da web con demostracións prácticas, apuntando que a nova imaxe ten unha estrutura máis clara, ten novos contidos e conta con máis posibilidades de participación e interactividade para os usuarios.
Segundo ela, nesta nova etapa “a web pretende ser un referente da información en galego, sobre todo audiovisual”, para o que se presenta nun formato multisoporte que permite que os informativos, tanto da radio como da televisión, sexan accesibles dende teléfonos móbiles e tablets.

Alfonso Sánchez Izquierdo destacou o compromiso da CRTVG co desenvolvemento da lingua e a cultura de Galicia

Neste senso, tamén o director xeral da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo, quixo mostrar publicamente a súa satisfacción coa plataforma, resaltando o seu potencial “para lanzar ao mundo o noso servizo de noticias e os programas de entretemento, que facemos dende unha visión netamente galega”, aclarou.
No transcurso do acto, o director xeral tamén destacou a renovación conceptual e estética da nova páxina web, que servirá, entre outras cousas, “para apoiar os valores que representa a CRTVG no desenvolvemento da lingua e da cultura galegas”.
As novas tecnoloxías permitiron contar tamén coa presenza do presidente de Circom Regional (a Asociación de Televisións Públicas Europeas), Michael Lally, que a través dunha gravación audiovisual felicitou o bo facer do equipo pola súa nova aposta e pola utilidade da ferramenta.
A esta intervención na distancia hai que engadirlle a de varios galegos e galegas afincados no exterior, que transmitiron a súa opinión persoal da web e que coincidiron en destacar a súa mellora visual e limpeza, e a facilidade de navegación que presenta.

Aid presentou o tema musical da campaña de comunicación da CRTVG Apréndeo

Por non faltar, no evento tampouco faltaron as actuacións musicais, da man da rapeira viguesa Aíd, que estreou o tema musical creado para a campaña de comunicación da CRTVG, Apréndeo; nin a entrega de premios do concurso CRTVG busca... reporteiros, posto en marcha a través da web, e da que saíu vencedora Janet Vázquez Estévez, cunha reportaxe que puideron presenciar os asistentes.
Da nova web, que dende o pasado 17 de maio estaba activa en modo beta, cabe salientar a súa aposta por catro grandes bloques diferenciados: deportes, cultura, tempo e infantil, os cales se desenvolven en microwebs específicas e inclúen tanto contidos antigos sacados de arquivo como novos contidos de produción propia para consumir de balde.
En definitiva, trátase dunha ferramenta que integra a televisión e a radio na Rede, botando partido das súas vantaxes e aproveitando tódalas posibilidades que ofrece o medio, incluídas as redes sociais.

Entre o público do acto figuraban moitas caras coñecidas para os espectadores da TVG

PUBLICIDADE