A Cámara da Coruña apoiou a 100 empresas nos seus plans de innovación

xoves, 26 de xaneiro do 2023 Lucía Villaverde

A Cámara de A Coruña continúa impulsando a innovación das empresas a través dos programas europeos que xestiona. Así, no pasado exercicio, tramitou axudas directas ao investimento e á innovación por un valor de preto de 375.000€ das que se beneficiaron un total de 54 empresas da área.
Por unha banda, a través do programa InnoCámaras, a entidade tramitou 124.300€ en axudas para pequenas e medianas empresas da área coruñesa. O programa está deseñado para contribuír á mellora da competitividade das firmas mediante a adopción de metodoloxías que permitan incorporar a innovación de modo sistemático á súa actividade habitual.
Pola súa parte, no programa TICCámaras, o importe de axudas tramitadas foi de 103.800€. No programa de Ciberseguridade a Cámara tramitou 41.600€ en axudas para o desenvolvemento de plans de apoio á implementación de recursos que salvagarden a información, as comunicacións e os activos online das pemes.
A través do programa Industria 4.0, enfocado a axudar ás empresas industriais á incorporación de ferramentas intelixentes, a entidade tramitou axudas por un valor de máis de 65.900€. En canto ao programa de Competitividade Turística, a Cámara tramitou 45.000€ en axudas para fomentar en empresas do sector turístico medidas encamiñadas a establecer unha base adecuada para o seu desenvolvemento.
Todos estes programas constan de dúas fases: diagnostícase o nivel de competitividade da empresa e proporciónanselle unhas recomendacións; a continuación, a empresa pode poñelas en práctica mediante axudas á implantación.
Ademais, 30 empresas participaron no programa de Apoio ao Comercio Minorista, que inclúe un conxunto de actuacións orientadas a fomentar a innovación e mellorar a competitividade do pequeno comercio. E a través da Oficina Acelera PEME asesorou en materia de dixitalización ás empresas da área.

PUBLICIDADE