A Cámara da Coruña programa dous seminarios gratuítos sobre IA dirixidos a pemes

luns, 18 de novembro do 2024 S. P.

A Oficina Acelera Peme para Kit Dixital da Cámara da Coruña organizou dous seminarios gratuítos dedicados á Intelixencia Artificial (IA), orientados especialmente a pequenas e medianas empresas (pemes) que desexen incorporar esta tecnoloxía nos seus procesos.
Con esta iniciativa, a Cámara busca reforzar o seu compromiso coa transformación dixital do tecido empresarial galego, “apostando polo coñecemento e a capacitación en IA como clave para a competitividade e o crecemento”.
Os seminarios, que se celebrarán os días 21 de novembro e 12 de decembro en modalidade en liña, estarán impartidos por expertos en tecnoloxía e transformación dixital, quen abordará as principais aplicacións da IA no ámbito empresarial. As sesións estarán centradas en aspectos prácticos e accesíbeis, para que as empresas poidan entender como aproveitar o potencial das ferramentas intelixentes.
A iniciativa está especialmente pensada para axudar ás pemes para identificar novas oportunidades de negocio e adaptarse a unha contorna dixital que evoluciona rapidamente.
As empresas interesadas poden inscribirse directamente na web da Cámara.
A Intelixencia Artificial e o Futuro do Traballo. Prepárate para o cambio, e aproveita o Kit Dixital: 21 de novembro
Deixa que a IA optimice a túa facturación, e financia a súa implementación co Kit Dixital: 12 de decembro
As pemes interesadas en ampliar información poden acudir á Oficina Acelera Peme para Kit Dixital, situada na sede da Cámara da Coruña. Tamén poden contactar a través do 981 216 072 ou ben escribindo a oap@camaracoruna.com.