A Cámara de Santiago achega ás empresas ao novo regulamento en protección de datos

xoves, 5 de abril do 2018 Redacción

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela celebrará o vindeiro 12 de abril unha xornada informativa e de balde sobre a Adaptación da empresa á nova normativa en Protección de Datos (LOPD), entre as 12:00 e as 13:30 horas no seu salón de actos. Dirixida ás pequenas e medianas empresas de Compostela e contorna, a charla estará impartida polo avogada Diana Fernández Soutullo, do bufete Soutullo & Asociadas. Como lembraremos, esta normativa (entre outras cousas) esixe ás empresas que traten datos a gran escala, con independencia da facturación ou a cifra de empregados, que conten coa figura do delegado de protección da información.
Segundo explica a Cámara para poñernos en situación, a normativa (que se aplicará a partir do 25 de maio) é o regulamento europeo 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello de 27 de abril de 2016 relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos (Regulamento Xeral de Protección de Datos, RGPD).
Diana Fernández adianta que o regulamento europeo protexe unicamente datos de carácter persoal, só no que se refire ás persoas físicas, e esixe ás empresas “responsabilidade” en materia de protección de datos de carácter persoal. En concreto, fálase de responsabilidade proactiva (responsability) como un dos principios que rexe esta materia conforme á normativa europea. E engade a relatora: “Non se trata só de que as empresas sexamos responsábeis senón tamén de parecelo e demostrar que adoptamos todas as medidas técnicas e organizativas para cumprir a normativa en materia de protección de datos. O seu cumprimento require un labor constante por parte da empresa, o que non implica unha acción cotián pero si un cambio na orientación e actitude en materia de privacidade”. Segundo engade, este principio de privacidade por deseño sinala “que no mesmo intre da creación dun negocio temos que ter en conta a privacidade e non despois, cando o negocio xa está en marcha”.

PUBLICIDADE